Publicador de contidos
Publicador de contidos

O estado do bus e a meteoroloxía, eixes da defensa do chofer do sinistro de Cerdedo

O estado do bus e a meteoroloxía, eixes da defensa do chofer do sinistro de Cerdedo

Din que o autocar fixo 'aquaplanning' nunha balsa de auga da curva previa á entrada da ponte de Pedre

Tamén entenden que o vehículo non debeu ser trasladado ás instalacións da empresa Monbús ao ser esta unha parte interesada

G24.gal 22/09/2023 19:19

A defensa do condutor do autobús accidentado a pasada Noiteboa en Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), rexeita as conclusións do informe pericial elaborado por técnicos da Garda Civil que, segundo avanzou o pasado xoves o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, apunta a un exceso de velocidade como causa do sinistro en que morreron sete persoas.

A contorna do chofer amosou a súa desconfianza sobre a forma en que se chegou a concluír que a saída de vía foi por un exceso de velocidade, porque ao seu xuízo, non ven sustentado nos cálculos que se reflicten no documento que ten o xulgado número 1 de Pontevedra.

Manteñen que a causa do sinistro foron as condicións meteorolóxicas que imperaban na zona, unha xornada de fortes precipitacións e baixa visibilidade que, segundo recalca a defensa do chofer, provocou que o autocar fixese 'aquaplanning' nunha balsa de auga da curva previa á entrada da ponte de Pedre.

Así o trasladou na súa declaración inicial o propio condutor, prestada na comandancia da Garda Civil o 30 de decembro, seis días despois do accidente. A súa defensa avanza que manterán esta versión e que será apoiada con dous informes periciais que refutarán as conclusións do feito pola Benemérita, no que "non hai ningún dato" que reflicta "a fórmula" pola que foi calculado que o autobús viaxaba a máis de 80 quilómetros hora, o límite nesa vía onde tivo lugar o sinistro.

Custodia das probas

A representación legal do chofer desconfía do feito de que se declarase "inservible" o tacógrafo do autobús, recuperado da auga tras o accidente. Tamén pon o foco na cadea de custodia das probas, xa que entende que o vehículo non debeu ser trasladado ás instalacións da empresa Monbús en Pontevedra ao ser esta unha parte interesada no caso como titular da liña.

Nas cocheiras que a compañía ten en Lourizán foi onde os técnicos da Garda Civil inspeccionaron o vehículo para extraer a información para o seu informe sobre as causas do sinistro.

O estado do autocar é outro dos argumentos que emprega a defensa do condutor, porque din que notara nos días previos ao sinistro que o vehículo "presentaba problemas".

A defensa manifesta a súa oposición "frontal" ás conclusións do informe da Garda Civil, que ve "dirixido" a responsabilizar unicamente ao condutor "obviando" cuestións como o estado do autobús ou as condicións meteorolóxicas daquela noite.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade