Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Euribor, baixadas tras baixadas, por Venancio Salcines

O Euribor, baixadas tras baixadas, por Venancio Salcines

O Euribor seguirá baixando, de modo lento, pero continuado, durante o que queda de ano

G24.gal 02/09/2024 08:49

O Euribor cae de modo continuado dende marzo, cando acadou un 3,72. O venres pasado xa estaba nun 3,08, e máis pronto que tarde verémolo na forcada do dous por cento.

Que está a pasar? O Euribor está conectado coa política monetaria, que deseña o Banco Central Europeo, e esta está vencellada coa inflación. E as causas que provocaron o gromo inflacionista que levou o Euribor por enriba do catro por cento xa non existen. Eliminadas as causas, redúcense os efectos. E cales eran estas? Tiñamos unha inflación de custos, as cadeas de produción e subministración estaban rotas mentres que a demanda poscovid espertaba con moitísima forza. O desaxuste entre oferta, produción e a súa demanda levounos a niveis inflacionarios descoñecidos para moitos. Ó que tivemos que sumar os efectos do novo mapa enerxético de Europa, que dicía adeus ó petróleo ruso.

Agora as cadeas de subministración volven a funcionar e Europa xa sabe vivir sen petróleo ruso; só tiñamos unha incógnita, as subidas salariais. A inflación provocou, por toda Europa, especialmente en Alemaña, pelexas sindicais coas patronais para recuperar poder adquisitivo. Pero no segundo trimestre do ano os salarios na zona euro medraron un 3,55 %, o que supón unha desaceleración fronte o 4,74 % do primeiro trimestre. É dicir, a variable que máis preocupa ó BCE, as subidas salariais, empeza a ter un bo comportamento. Isto significa que a inflación, en termos xerais, empeza a controlarse, o que suporá baixadas dos xuros do BCE. O Euribor anticipa este comportamento.

A inflación vai ben, pero, está controlada? Non. As melloras do mercado laboral están a bater nos prezos do sector servizos, e isto preocupa, pero tamén inquieta que Alemaña e Francia teñan crecementos moi moderados, polo tanto, a política monetaria apunta a baixadas que axuden a reactivar as súas economías, o que permite afirmar que o Euribor seguirá baixando, de modo lento, pero continuado, durante o que queda de ano.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade