Publicador de contidos
Publicador de contidos

O euríbor roza o 4 %

O euríbor roza o 4 %

A suba do indicador hipotecario dispara as cotas

A previsión apunta a que o BCE volverá subir os tipos de xuro este mes

G24.gal 09/03/2023 16:15

O euríbor a doce meses, o indicador máis usado en España para calcular as cotas das hipotecas, mantén a súa tendencia alcista e supera xa o 3,9 % en taxa diaria, ata alcanzar o seu nivel máis alto desde novembro de 2008.

Con cinco días de cotización, a taxa media de marzo sitúase no 3,85 %, moi superior ao 3,534 % de febreiro, ou ao 3,337 % de xaneiro. En febreiro de 2022, o euríbor cotizaba en negativo, no -0,335 %, co que a subida experimentada o mes pasado supuxo un encarecemento das hipotecas variables en ata uns 600 euros mensuais.

Os expertos lembran que a previsión é que o Banco Central Europeo siga impulsando o euríbor. O organismo está a subir os tipos de xuro para combater a inflación. Entre xullo de 2022 e febreiro de 2023, os tipos de xuro pasaron do 0 % ao 3 % na eurozona. Neste contexto, algúns expertos ven ao euribor nunha taxa do 4 % ou por encima dela, a peche deste mesmo mes.

Nova suba dos tipos de xuro

Nos últimos días, a presidenta do BCE, Christine Lagarde, insistiu en que o organismo tomará as medidas que sexan necesarias para dobregar a inflación ata o obxectivo do 2 %, e subirá de novo os tipos de xuro noutros 50 puntos básicos na súa reunión deste mes. Así mesmo, o presidente da Reserva Federal dos EUA, Jerome Powell, aseguraba este mércores que os últimos datos económicos foron mellores do esperado e suxeriu que restaurar a estabilidade dos prezos requirirá manter unha política monetaria "restritiva" durante "algún tempo", algo que non foi ben recibido polo mercado.

Todo iso provocou un incremento na rendibilidade da débeda soberana. No caso de España, o rendemento do bono a dez anos alcanza este xoves un rendemento do 3,73 %. Nun mes, a rendibilidade do bono español pasou do 3,35 % a ese 3,75 %.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar