O europeísmo de Macron perfílase como vencedor fronte ao euroesceptismo de Le Pen
O europeísmo de Macron perfílase como vencedor fronte ao euroesceptismo de Le Pen
Macron ten unha vantaxe nas enquisas de entre 11 e 15 puntos sobre Marine Le Pen
Os dous candidatos tentaron seducir os votantes de Mélenchon ata o último momento
Os colexios electorais en Francia ultiman os preparativos para as eleccións presidenciais de mañá, mentres numerosos cidadáns votaban xa este sábado no estranxeiro. Emmanuel Macron, que se relaxaba nesta xornada de reflexión na praia, na compaña da súa dona, gobernará previsiblemente outros cinco anos, agás sorpresa maiúscula.
As sondaxes outórganlle a Macron entre o 55 e o 57,5 % dos votos e a Marine Le Pen entre o 42 e 44 %. Son entre once e quince puntos de vantaxe, moitos para concibir sorpresas de última hora. Certo que as diferenzas hai cinco anos foran moi superiores. Daquela Macron lograra o 66 % dos sufraxios e Marine Le Pen o 33 %. Pero maticemos: hai un lustro o actual presidente era unha figura emerxente que espertaba entusiasmo alí onde ía e non sufrira o desgaste do poder.
Hai moitos temas que separan os dous candidatos: o europeísmo sen fisuras dun Macron que tamén defende a OTAN con firmeza fronte ao euroescepticismo de Marine Le Pen, que propón saír da Alianza Atlántica. As diverxencias céntranse tamén na inmigración, o veo islámico, as relacións con Putin, a reforma das pensións e as políticas económicas, coas que Le Pen pretendeu gañar votos entre as clases populares nos últimos días insistindo na opción de eliminar o IVE de cen produtos básicos.
A incógnita radica no que farán os votantes do esquerdista Mélenchon. Nas enquisas moitos din que se absterán ou que votarán en branco. O que parece evidente é que, independentemente da abstención, Macron ten todos os boletos para gañar con claridade.