Publicador de contidos
Publicador de contidos

Israel rescata catro reféns nunha operación en que morreron 200 civís palestinos

Israel rescata catro reféns nunha operación en que morreron 200 civís palestinos

Abás pide unha reunión urxente ao Consello de Seguridade da ONU para discutir as "repercusións do sanguento masacre" en Nuseirat

O campamento de Nuseirat, no centro de Gaza, tras a operación
G24.gal 08/06/2024 14:48 Última actualización 08/06/2024 20:46

Israel rescatou con vida catro reféns no campo de refuxiados de Nuseirat, no centro de Gaza, nunha operación na que morreron polo menos 210 persoas civís e máis de 400 quedaron feridas.

Os cativos liberados son Noa Argamani, de 25 anos; Almog Meir Jan, de 21; Andrey Kozlov, de 27, e Shlomi Ziv, de 40, secuestrados por Hamas no festival de música Nova o 7 de outubro. É o maior rescate desde o comezo da guerra.

Os catro, que se atopan en bo estado de saúde, foron atendidos no Centro Médico Sheba, na área de Tel Aviv, onde se reencontraron coas súas familias e recibiron a visita do primeiro ministro, Benjamin Netanyahu.

"Israel non se rende ante o terrorismo e actúa con creatividade e coraxe sen límites para traer a casa aos nosos secuestrados", afirmou.

Este éxito dálle osíxeno para xustificar o seu empeño en manter a presión militar contra Hamas no canto de negociar un acordo de tregua e liberación de reféns, como lle esixen as familias.

O Goberno gazatí de Hamas confirmou o número de vítimas civís e condenou a actuación.

"Condenamos a agresión da ocupación israelí contra civís, nenos e mulleres, e contra fogares seguros no campamento de Nuseirat", denunciou o goberno islamita.

Na operación "Semente de Verán", levada a cabo polo Exército hebreo, axentes do Shin Bet e a forza policial de elite Yamam, faleceu tamén un comandante deste último corpo.

O portavoz do Exército, Daniel Hagari, admitiu a morte de moita poboación, pero culpou a Hamas por manter reféns nunha contorna civil.

Chegada a Israel dos reféns rescatados Chegada a Israel dos reféns rescatados

Reunión urxente

O presidente da Autoridade Nacional Palestina (ANP), Mahmud Abás, solicitoulle este sábado unha reunión urxente ao Consello de Seguridade da ONU para discutir "as repercusións do sanguento masacre" en Nuseirat.

"O presidente Abás está a manter amplos contactos coas partes árabes e internacionais relevantes para celebrar esta sesión de emerxencia do Consello de Seguridade da ONU, co fin de determinar o papel que se lle asigna para deter a continua agresión israelí contra o noso pobo palestino; e forzar o Estado ocupante a adherirse ás resolucións internacionais, que esixen un cesamento do fogo inmediato", indica nun comunicado oficial.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade