Publicador de contidos
Publicador de contidos

O falso milagre fiscal español, por Maite Cancelo

OPINIÓN

O falso milagre fiscal español, por Maite Cancelo

G24.gal 17/04/2024 07:58

Despois duns anos con inflación en negativo, esta empeza a medrar de forma moderada nos anos 2017 e 2018 (2 % e 1,7 %), situándose no 0,7 % no ano 2019 e mesmo caendo ao -0,3 % no ano 2020, en ambos os dous casos polo menor tirón da demanda interna.

Despois da caída do PIB do 11,2 % do ano 2020, no ano seguinte o PIB empeza a remontar (un 6 % sobre o dato do ano anterior) e empezan a crecer os prezos nun 3,1 %, disparándose en 2022, cunha taxa de inflación do 8,4 %, sendo os grupos de alimentos e bebidas non alcólicas e a electricidade os que máis achegaron a estes incrementos (11,6 % e 15,5 %, respectivamente).

Nese ano mantivéronse os tipos impositivos dos impostos e xa sabemos que canto maior é o prezo do ben ou servizo consumido, tamén é maior a cantidade pagada polo IVE, que grava directamente o consumo sen ter en conta as rendas dunha familia. Desta forma, o aumento por recadación por este imposto acadou o 14 % no ano 2022 (case 10.000 millóns de euros adicionais), incremento que, segundo un estudo de FUNCAS (centro de análise da Confederación Española de Caixas de Aforros), se debeu, en case a metade, á subida de prezos e non a un maior consumo (cálculo compartido pola Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal, AIReF). De feito, nese mesmo estudo, FUNCAS estimou un aumento medio do pago de IVE, no ano 2022, de 263 euros por fogar.

Pero tamén subiron as cotizacións á Seguridade Social xa que, ao subiren os salarios manténdose os tramos, estes desprázanse se non se axustan, sendo especialmente negativo o impacto sobre os tramos de ingresos baixos e medios. O mesmo ocorreu e segue ocorrendo co IRPF, onde os ingresos do Estado por este imposto aumentaron case un 16 % no ano 2022.

Púidose actuar doutra forma?

O IVE mostrouse como o imposto que máis aumentou a desigualdade na renda dos fogares e o IRPF intensifica esa desigualdade. O Estado recada máis, pero as rendas reais dos españois seguiron diminuíndo nestes últimos anos. Había solucións, e aínda as hai, ampliar o número de produtos aos que aplicar o IVE reducido (cuxa medida, lembremos, aprobouse en xaneiro do 2023) e pospoñer a recuperación do IVE reducido da electricidade.

Con relación ao IRPF e as cotizacións á Seguridade Social, unha forma de reducir o salto de tramo sería a deflatación dos propios tramos, para que fosen os cidadáns os que visen aumentado realmente os seus ingresos dispoñibles en lugar de ser o Estado o que vise aumentado de forma artificial os seus ingresos (por efecto do aumento dos prezos e non da actividade económica).

Neste sentido maniféstase o Rexistro de Economistas de Asesores Fiscais (REAF) do Consello Xeral de Economistas de España, que sinala, no seu último informe publicado hai uns días, que para aqueles contribuíntes cun soldo que rolde os 45.000 euros anuais, o custo de non adecuar o IRPF á inflación suponlle pagar entre uns 86 e 404 euros máis, pero en rendas menores, por exemplo, para un soldo de 70.000 euros, o custo sitúase entre os 162 e os 612 euros. Sinalan desde o REAF que deflatar o IRPF supón adecuar os tramos para que, ante a subida salarial que viviron os cidadáns para non perder poder adquisitivo, estes non teñan que pagar máis impostos ou non lles servirá de nada ese incremento da nómina bruta.

Para finalizar, estamos ante un falso milagre fiscal en España, que foi analizado mesmo polo Parlamento Europeo e que produciu uns ingresos extraordinarios do Estado por diversas tributacións mentres que os cidadáns non puidemos percibir un aumento real nas nosas rendas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade