Aumentan os casos de violencia sexual en menores no último ano
Aumentan os casos de violencia sexual en menores no último ano
O fiscal coordinador de Menores, Eduardo Esteban, considera que falla a educación sexual preventiva na mocidade
Esteban ve necesarias medidas conxuntas para limitar o acceso dos rapaces aos contidos pornográficos na Rede
Segundo a última memoria da Fiscalía, os delitos sexuais en menores triplicáronse nos últimos cinco anos, pasando dos 1.271 procedementos abertos en 2016 aos 2.625 de 2021.
Con estas cifras e os casos máis recentes de violacións grupais protagonizadas por adolescentes, abordamos esta realidade da man do fiscal coordinador de Menores do Estado, Eduardo Esteban.
Esteban constata o incremento progresivo de casos, especialmente no último ano, que atribúe ao acceso temperán dos rapaces a contidos pornográficos na Rede, que moitas veces empregan, matiza, a modo de "titorial".
Afirma o fiscal que está fallando a educación sexual, e que a responsabilidade á hora de atallar o problema non só está na man das administracións, senón tamén das familias e das empresas que producen este tipo de contidos na Rede.
"Non podemos deixalo todo en mans do Estado. As familias teñen unhas obrigas. Tamén a sociedade, e as empresas, como as que se dedican a producir este tipo de contidos, ou as RR. SS. que non facilitan o control de acceso aos menores. Debería haber unha política conxunta para que non sexa tan fácil acceder ás RR. SS. perniciosas para os menores", traslada.
Subliña o Fiscal que nos últimos tempos estamos asistindo a un cambio na escala de valores, na sociedade en xeral, e nos adolescentes en particular. Puntualiza Esteban que hoxe o que prima é a publicidade, e que este tipo de comportamentos poden traer serias consecuencias no futuro.
"Prima que se saiba e contalo, e non lles importa. Ás veces a súa publicación serve de proba contra eles, pero non lles importa, porque o importante é que se saiba o que fan. Isto vainos levar a consecuencias graves no futuro", explica.
Eduardo Esteban fala dos bos resultados dos tratamentos nos adolescentes que comenten delitos sexuais, xa que moi poucos volven reincidir. Con todo, asevera, o importante é a educación sexual como prevención, non cando se producen os feitos.
O fiscal recoñece que a sociedade é consciente desta realidade e que existe un sentimento de responsabilidade xeral, e, insiste, "este é un problema que temos que atallar entre todos".