Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Foro Económico de Galicia analiza o impacto da IA no sistema de saúde

O Foro Económico de Galicia analiza o impacto da IA no sistema de saúde

A medicina preditiva e personalizada precisa deseño de algoritmos e capacidade de procesamento para adiantar os diagnósticos

G24.gal 25/11/2024 14:31

Algoritmos ben adestrados, que sexan quen de conectar cantidades enormes de datos para poder diagnosticar enfermidades graves mesmo antes de que aparezan os síntomas. A medicina preventiva e personalizada, a medicina do futuro, é imposible sen intelixencia artificial. Por iso, todos os sectores implicados no seu desenvolvemnento reúnense hoxe en Santiago para impulsar o seu avance no sistema sanitario galego.

Como os avances en biotecnoloxía ou a evolución das técnicas diagnósticas de imaxe, o uso da intelixencia artificial para o procesamento de datos está a supoñer unha revolución na práctica clínica. 

 "Cando imos a calquera tipo de consultas, estamos ingresados en unidades especializadas, de vixilancia intensiva, todo son cacharros; e é tal a cantidade de datos e tal o seu volume que ou temos máquinas ou é imposible para as persoas extraer desa inxente cantidade de datos a información que permita afinar diagnósticos ou mesmo intervir a tempo para evitar enfermidades derivadas dos nosos hábitos ou do noso código xenético", explicou Senén Barro, o director do Citius de Santiago.

 "Estas ferramentas de IA vannos permitir coñecer mellor as características e condicións individuais dos pacientes, e pasaremos dunha medicina reactiva, de actuar cando un ten unha enfermidade, a poder facer unha medicina máis preditiva e preventiva, adiantándonos á aparición dos síntomas", dixo Carlos Pena Gil, cardiólogo no CHUS

É a primeira vez que o Foro Económico de Galicia trata sobre as oportunidades da intelixencia artificial no sistema sanitario galego. Están implicados desde os matemáticos que desenvolven os algoritmos, os investigadores e as empresas. Un ecosistema que precisa políticas públicas, máis formación e marcos legais axeitados para non quedar atrás no que será un novo paradigma no coidado da saúde. 

"O cambio xa está e vai ser continuo. O que se chama medicina personalizada, ou se fai con intelixencia artificial ou non se fai", declarou Senén Barro, o director do Citius de Santiago. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade