O futuro do sector lácteo, por María Cadaval
O futuro do sector lácteo, por María Cadaval
O sector conta cunha cadea de produción, transformación e comercialización que factura 13.000 millóns de euros anuais e achega mais de 60.000 empregos en España
O Observatorio do Sector Lácteo de Galicia puxo de relevo que o leite encadea 19 meses consecutivos de subas de prezos
Estes maiores prezos conseguiron aumentar a facturación do sector un 35,2 % respecto ao ano anterior
O sector lácteo tense enfrontado a cambios disruptivos importantes nas últimas décadas. As transformacións en marcha que afectan a eidos tan importantes como a tecnoloxía de produción, os mercados e as políticas obrigaron a mudanzas permanentes.
Foi en marzo do ano 2015 cando desapareceu o sistema de cotas que estiveron vixentes dende o ano 1984, o que derivou nun proceso de liberalización do mercado na Unión Europea a partir da reforma da Política Agraria Común de 2003. Desde xeito, o que se pretendeu foi abrir o mercado do leite en Europa e introducir un marco competencial ordinario.
Moitas foron as ameazas que daquela se sinalaron, mais tamén as novas posibilidades que o aumento da produción de leite podería prover. Xunto co risco de deslocalización da produción, en detrimento de determinadas rexións polo temor á importación doutros lugares, xogaban as vantaxes de maior produción e desenvolvemento da industria, condicionada ata entón pola escaseza da produción de leite.
O sector lácteo afronta o futuro con optimismo
Oito anos despois desta liberalización e a desaparición do sistema de cotas cómpre avanzar as novidades que a nova PAC 2023-2027 trae consigo, e tamén os importantes fitos e estratexias derivadas do Pacto Verde Europeo, que foron recollidos no libro El sector lácteo en España, que revela que o sector conta cunha cadea de produción, transformación e comercialización que factura 13.000 millóns de euros anuais e achega mais de 60.000 empregos directos e moitos máis indirectos.
A industria de transformación move arredor de 9.500 millóns de euros ao ano e representa o 2 % do sector industrial, empregando máis de 30.000 persoas, o 8,5 % do total da cadea agroalimentaria. Esta rede de produción, o papel que xoga a economía social e as empresas que se aglutinan ao redor do leite cumpren, ademais, outro labor importante, como é o de loitar contra o despoboamento e servir de alicerce para o coidado e mantemento dos ecosistemas rurais e a prevención de incendios forestais.
Cómpre salientar que, unha vez desaparecidas as cotas lácteas, produciuse un incremento significativo da produción do sector, con maior valor engadido. A metade dese crecemento débese non á produción de leite coma produto final senón a produtos con maior valor engadido, como poden ser os iogures, sobremesas e queixos. Máis eficiencia, produtividade e sustentabilidade, cun fito por diante, facer fronte ao aumento constante dos prezos de produción, agravados tras a invasión rusa de Ucraína e os maiores custos enerxéticos. O sector loita por poñer en valor o seu produto, algo no que se ten avanzado nos últimos anos.
Galicia é líder nacional producindo catro de cada dez litros de leite
Onte mesmo, o Observatorio do Sector Lácteo de Galicia puxo de relevo que o leite encadea 19 meses consecutivos de subas de prezos, o que compensou en parte o incremento de custos. De media, en xaneiro pagouse polo litro de leite aos gandeiros galegos 58,8 céntimos, 0,2 céntimos máis que no mes anterior e un 64 % máis con respecto ao mes de xaneiro do ano 2022, cando o litro se pagaba a 35,9 céntimos, o que sitúa o prezo por riba do prezo medio en Europa.
Estes maiores prezos conseguiron aumentar a facturación do sector un 35,2 % con respecto ao ano anterior, o que supón que o rendemento medio por explotación se incrementase case un 74 %, por riba da media estatal (62,8 %). O que isto significa é que as granxas galegas aumentaron a competitividade de xeito considerable. Un factor fundamental para conseguilo radica no progresivo aumento da transformación do leite que se produce en Galicia, que xa supera o 63 %, mais preto de acadar o obxectivo do 75 % marcado na estratexia de dinamización marcada para o ano 2025.
En definitiva, corren mellores tempos para o sector en Galicia, polo menos pode falarse de estabilidade, que permite que siga sendo líder nacional, produce catro de cada dez litros de toda España e atópase entre as dez principais rexións produtoras de leite dentro da UE, cun crecemento constante que lle permitirá non só manterse senón medrar no futuro mais próximo. Con todo, toca seguir apostando pola transformación, a xeración de valor e a industrialización, elementos clave para o sector pero tamén para o país.