O futuro goberno de Santiago apostará pola implantación da taxa turística
O futuro goberno de Santiago apostará pola implantación da taxa turística
A candidata do BNG á alcaldía, Goretti Sanmartín, entende que "urxe" iniciar o proceso para implantala
A taxa podería recadar case tres millóns de euros ao ano en Compostela
O Concello de Santiago vai seguir liderando a loita por implantar unha taxa turística ás pernoitas na cidade. Así o confirma Goretti Sanmartín, candidata do BNG á alcaldía.
"En todos os sitios onde se implanta funciona de maneira correcta", di Sanmartín. Entende que "ninguén vai deixar de vir" a Compostela porque haxa unha taxa turística, e afirma que implantala "vai ser unha das prioridades" do novo goberno municipal.
A proposta que deixa o Goberno saínte falaba dunha taxa de entre 50 céntimos e dous euros e medio por noite, dependendo da categoría do aloxamento. O novo Goberno partirá desa base para debater o texto definitivo que presentar na Xunta.
"O que faremos será contrastalo previamente coas persoas que son voceiras dos diferentes grupos, mais entendendo que existe un consenso sobre este tema", explica Goretti Sanmartín. Deixa a porta aberta a posibles modificacións da proposta, pero entende que "hai que iniciar o proceso, porque urxe".
Tamén o ven prioritario as asociacións do sector. O presidente de Hostalaría Compostela, Thor Rodríguez, entende que a taxa pode ser unha oportunidade "para desestacionalizar o turismo, para xerar contidos culturais, ou para o mantemento da cidade e do casco histórico". Por iso cre que "é o momento de poñernos a iso".
Lois Lopes, presidente da asociación Hostalaria.gal, tamén entende que a taxa turística "é unha prioridade", pero amplía a urxencia á ordenación do turismo na cidade: "ese equilibrio no día a día da propia sociedade santiaguesa co turismo, que tan importante é no tema económico", afirma.
O Parlamento galego será o que teña a última palabra sobre a posibilidade de que os concellos implanten unha taxa turística. En Santiago seguen co obxectivo de entregar a proposta na Xunta antes da parada do verán.