Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno aproba a reforma que consolida o aborto e amplía dereitos das mulleres

O Goberno aproba a reforma que consolida o aborto e amplía dereitos das mulleres

Recupera o aborto sen consentimento paterno para as mozas de 16 e 17 anos e recoñece por primeira vez o dereito á saude menstrual

Non prevé a redución do IVE para produtos de hixiene feminina, pero Igualdade emprázase a incluíla nos próximos Presupostos

Irene Montero: "Esta reforma sitúa a España á vangarda internacional dos dereitos das mulleres"

G24.gal 17/05/2022 14:56 Última actualización 17/05/2022 15:22

A reforma garante o aborto libre ata a semana 14 no centro público máis próximo ao domicilio e volve permitir que as menores de 16 e 17 anos interrompan voluntariamente o seu embarazo sen autorización paterna. Ademais, introduce novos dereitos, como un permiso retribuído para as embarazadas a partir da semana 39 de xestación e a baixa laboral para as mulleres que sufran regras incapacitantes, que asumirá a Seguridade Social e non terá duración predeterminada.

"Sitúa á vangarda internacional de recoñecemento e ampliación dos dereitos das mulleres", asegura Irene Montero, Ministra de Igualdade.

Os centros de saúde dispensarán de balde a pílula do día despois, e institutos e centros sociais ofrecerán produtos de hixiene feminina. Queda fóra da lei a prometida rebaixa do IVE destes produtos, freada polo Ministerio de Facenda. No PSOE xustifican: "Falamos dun aspecto concreto, non é a lei onde se debe incorporar esta medida".

As discrepancias no executivo tamén se estenden á maternidade subrogada. Xustiza rexeitou a proposta de Igualdade de perseguir as parellas que recorran a esta práctica no estranxeiro. A lei si a declara como violencia reprodutiva contra a muller.

Podemos celebra que "sitúa o noso país á vangarda dos dereitos feministas", en palabras de Echenique

E para o Partido Popular esta reforma é unha manobra de distracción do executivo. "Cada vez que hai un problema en España reúnese o Consello de Ministros, discute entre si e anuncia cousas que parecen novidosas e que volven insistir nas divisións", di Feijóo.

O anteproxecto ten aínda por diante a súa tramitación parlamentaria, polo que non verá a luz ata 2023.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade