Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno aproba un segundo decreto por 3.765 millóns para os afectados pola DINA

O Goberno aproba un segundo decreto por 3.765 millóns para os afectados pola DINA

Con todas as medidas aprobadas poderase axudar 400.000 traballadores, 30.000 empresas e 100.000 fogares, segundo explicou Pedro Sánchez tras o Consello de Ministros

O Consello de Ministros concede 200 millóns de euros de axudas directas a explotacións agrarias danadas

O Goberno amplía a cobertura dos ERTE 

O presidente do Goberno, Pedro Sanchez, compareceu na Moncloa tras a xuntanza do Consello de Ministros onde se aprobaron novas axudas a afectados pola DINA (EFE / Javier Lizon).
G24.gal 11/11/2024 12:21 Última actualización 11/11/2024 15:03

O Goberno aprobou este luns un segundo de paquete de 110 medidas para afectados pola DINA, por 3.765 millóns de euros e entre as que está estender os ERTE por forza maior a empresas fóra da zona máis afectada e permisos laborais retribuídos.

Segundo sinalou o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, xunto ás medidas aprobadas a pasada semana, alcánzanse xa os 14.373 millóns, un "escudo social" que "poderá axudar arredor duns 400.000 traballadores a manter os seus ingresos, a unhas 30.000 empresas a reactivar a súa actividade e uns 100.000 fogares a cubrir as necesidades básicas".

Tamén se acordou a creación de 15 oficinas móbiles da Policía Nacional e da Garda Civil e doutros 12 Puntos DINA nas oficinas da Axencia Tributaria para atender os trámites dos cidadáns, así como a ampliación temporal do persoal nas subdelegacións do Goberno e creación de puntos de atención en todas as oficinas de Correos.

Igualmente, a reunión do Executivo aprobou estender as axudas directas á vivenda aos propietarios que non residen nelas, pero que as teñen arrendadas, á vez que se ampliarán aos inquilinos as axudas por aveños danados. 

Así mesmo, haberá un anticipo inmediato do 50 % destas axudas para que non teñan que esperar á tramitación do seu expediente.

Máis de 2.800 particulares pediron axudas directas por dano á vivenda e perda de aveños e cursáronse máis de 158.000 reclamacións ao consorcio de compensación de seguros, das que o 80 % xa están en tramitación e as primeiras empezaron a cobrarse, detallou Sánchez.

Tamén se aprobou un incremento temporal do 30 % do complemento de axuda para a infancia, incluído no marco do ingreso mínimo vital que perciben unhas 10.000 familias nas zonas afectadas, a extensión do código hipotecario de boas prácticas para poder conxelar as hipotecas 12 meses adicionais, unha vez pasados os 12 meses xa aprobados a semana pasada e poñeranse ao dispor dos afectados 150 vivendas de titularidade estatal dentro ou preto das zonas danadas e destinaranse 25 millóns a comprar vivendas e ampliar o parque para os damnificados.

Ademais, prohíbense os cortes de enerxía eléctrica e gas aos fogares afectados, permítese, sen custo algún para o consumidor, modificar e suspender temporalmente os contratos de subministración, así como aprazar as facturas e comínase ás operadoras de telecomunicacións e servizos que compensen aos seus clientes polos servizos que non recibiron durante a catástrofe.

200 millóns de euros de axudas directas a explotacións agrarias danadas

As explotacións agrarias que sufriran danos pola recente dana poderán beneficiarse de axudas directas por valor de 200 millóns de euros, que se unen a unha nova liña de créditos e un programa para reparar infraestruturas.

Sánchez encomiou o labor dos agricultores que acudiron a axudar aos habitantes das localidades afectadas polo temporal e destacou que "o campo sufriu moitos danos e moi severos", polo que fai falta "axudarlles coa mesma determinación coa que se envorcaron cos veciños".

Estas axudas directas están destinadas ás explotacións que sufrisen danos que lles impidan realizar a seguinte campaña con normalidade ou teñan perdas do seu potencial produtivo superiores ao 40 %.

Tamén se creou unha nova liña de créditos do Instituto de Crédito Oficial, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Sociedade Anónima Estatal de Caución Agraria (ICO-MAPA-Saeca) por 60 millóns de euros.

O Consello de Ministros aprobou tamén un programa de reparación de infraestruturas como camiños, bancais e regadíos con 175 millóns de euros, o cal será executado pola empresa pública Tragsa.

O Goberno amplía os ERTE a máis zonas 

O Ministerio de Traballo detallou que o permiso retribuído o poderán solicitar cada un dos proxenitores ou coidadores para atender persoas ao seu cargo, pola imposibilidade de trasladarse ao seu lugar de traballo, pola necesidade de acondicionar a súa vivenda ou por desaparición ou falecemento de familiares e durante todo o tempo que persista a causa.

Aínda que o pago correrá a cargo das empresas, na actualidade 412 compañías da zona xa solicitaron un ERTE, de forma que os traballadores afectados cobrarían a prestación por desemprego e non este permiso. Segundo o Goberno, o número de traballadores amparados por un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) por forza maior tras a DINA ascende a 9.087 persoas.

Así mesmo, articúlase unha prestación extraordinaria para autónomos, que lles permitirá compatibilizar a súa actividade durante tres meses cunha prestación por cesamento parcial, equivalente ao 50 % da súa base de cotización.

Tamén se estende a figura do ERTE por forza maior a empresas dos municipios que non estean na lista dos damnificados pola DINA pero que se viron afectadas polas súas consecuencias, o que supón que a Seguridade Social se fará cargo do 100 % das cotizacións dos traballadores incluídos neses expedientes.

O teletraballo será preferente e os traballadores tamén poderán solicitar a adaptación da súa xornada.

Todas as baixas (incapacidade temporal) trataranse como accidente de traballo, o que elimina o requisito de número de anos previos cotizados.

En canto á nulidade dos despedimentos, afectará a empresas que reciban axudas e tamén en despedimentos a traballadores por acollerse a algunhas das medidas ou permisos aprobados.

Nos ERTE, o informe da Inspección deixará de ser obrigatorio, para axilizar, e os traballadores recibirán prestación polo 70 % da base reguladora, sen necesidade de período mínimo de cotización e sen que consuma desemprego.

Estas condicións esténdense ás empregadas do fogar que non poidan traballar pola dana.

Así mesmo, deuse luz verde a un plan de 50 millóns de euros para a contratación de persoas desempregadas nas zonas afectadas pola DINA.

500 millóns para retirada de lodos e desentullos

Dedicaranse 500 millóns a financiar un plan de acción contra o lodo para retirar os restos acumulados e reparar as redes de auga dos municipios afectados.

O decreto lei de medidas urxentes inclúe outro programa de 175 millóns para reparar infraestruturas agrarias como camiños, bancais e sistemas de regadío que será executado pola compañía pública Tragsa.

Tamén se aprobaron 45 millóns para a restauración da Albufera e as concas fluviais afectadas pola inundación.

Adicionalmente, destínanse 2 millóns en axudas directas a cinemas, librerías e entidades culturais que tiveron que pechar as súas portas.

Do total de axudas aprobadas este luns, a maior partida corresponde ao Ministerio de Traballo e Economía Social, 1.439,6 millóns; seguido polo de Inclusión e Seguridade Social (1.098 millóns); Transición Ecolóxica e Reto Demográfica (516,6 millóns) e Agricultura, pesca e Alimentación (444,5 millóns).

Propostas do PP

O Partido Popular xa anunciou que apoiará este novo decreto. Si agardan que se inclúan algunhas das súas propostas, que xa lle presentaron ao Goberno. "Poñemos os nosos votos a disposición do Goberno para mellorar este real decreto. Non estamos ante unha cuestión de partidos, nin de burocracias nin de límites territoriais, senón que estamos afrontando un deber como nación", dixo o voceiro do PP, Borja Sémper.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade