Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno asegura cos socios habituais a convalidación do decreto que reforma as pensións

O Goberno asegura cos socios habituais a convalidación do decreto que reforma as pensións

Votarase este xoves no Congreso

O PP pide a memoria económica na que se sustenta a reforma

G24.gal 28/03/2023 14:58 Última actualización 28/03/2023 15:47

Os partidos do Goberno, PSOE e Unidas Podemos, sacan peito da súa reforma das pensións, que cualifican de "progresista". Sairá adiante co apoio dos socios habituais. Este martes aseguraron os votos de Esquerra a cambio de que as reducións de xornada por coidado de fillos cotizen ao cen por cento no cálculo da pensión. Segundo o deputado de ERC Jordi Salvador, houbo un "diálogo sincero" co ministro José Luis Escrivá, xa que "aceptou plantar cara á CEOE".

Para Mertxe Aizpurua, voceira de EH Bildu no Congreso, "con estes acordos conseguimos mellorar a reforma das pensións do Goberno e corrixir algunhas das súas carencias e insuficiencias".

Aínda así, hai discrepancias no bloque da esquerda. O deputado do BNG, Néstor Rego, votará en contra porque, na súa opinión, "consolídase" a reforma do 2013, que atrasou a idade de xubilación aos 67 anos e ampliou o período de cómputo a 25.

Tamén Vox votará non, tal e como anunciou hoxe o seu voceiro no Congreso, Iván Espinosa de los Monteros.

Se nada cambia, o PP di que tamén votará en contra. Pídenlle ao Goberno que lles envíe a memoria económica que sustenta esta reforma. Para Cuca Gamarra, voceira do partido no Congreso, "é inadmisible que os grupos parlamentarios, os que conformamos o Pacto de Toledo, non teñamos toda esa información, que todo quedara reducido a un powerpoint, tres tablas excel e dous documentos que nos remitiron nas últimas horas".

Para o PSOE, "o PP, unha vez máis, busca escusas" porque o decreto xa está publicado. O voceiro socialista na cámara baixa, Patxi López, acusa o presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, de "cinismo" xa que "parece que si o coñecía para ir a Bruxelas a dicir que non lle gustaba e agora, á hora de votar, di que non o coñece".

O PSOE tamén se comprometeu a que o decreto se tramite despois como proxecto de lei.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade