Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno atrasa a tramitación da senda de estabilidade por non ter apoios no Congreso

O Goberno atrasa a tramitación da senda de estabilidade por non ter apoios no Congreso

O Executivo buscará apoios para sacar adiante os obxectivos de déficit e débeda das administracións antes da elaboración dos orzamentos

Pedro Sánchez e María Jesús Montero no Congreso (Arquivo: Jesús Hellín - Europa Press)
G24.gal 24/09/2024 09:38 Última actualización 24/09/2024 14:53

O Goberno anunciou este martes que retira a tramitación no Congreso da senda de estabilidade, que se ía votar este xoves na Cámara Baixa, debido á falta de apoios para sacala adiante e despois de fracasar no seu intento de atraer a Junts a un acordo para que votasen a favor dos obxectivos de déficit e débeda para os próximos anos. 

O Executivo explicou que quere esgotar todas as posibilidades para alcanzar un pacto que o Goberno central cre que sería beneficioso para todas as comunidades autónomas e os concellos e gañar tempo para negociar cos do expresident Carles Puigdemont.

O Congreso ía votar por segunda vez este xoves a senda de estabilidade para o período 2025-2027 e todo apuntaba a que se ía repetir o resultado da primeira votación: rexeitamento cos votos de PP, Vox e Junts.

A retirada da tramitación dos obxectivos, polo momento sen data límite para reactivala, deixa en suspenso a presentación do proxecto de orzamentos de 2025, que xa non poderá cumprir co calendario previsto na normativa, que esixe que sexa aprobado en Consello de Ministros e entre no Congreso antes de outubro. 

O obxectivo de atrasar a tramitación é dar máis tempo á negociación ofrecendo unha nova oportunidade ao diálogo. Desde o Goberno sinalan directamente ao PP a quen acusan de xerar un grave prexuízo para Comunidades Autónomas e concellos, que perderían case 12.000 millóns de marxe orzamentaria se non se aproban uns novos obxectivos.

A voceira do Goberno, Pilar Alegría, aseguraba este martes, tras confirmar que se retiraba a votación da orde do día do Congreso, dicía que non renunciaban ao diálogo para tratar de buscar acordos.

Junts insta o Goberno a presentar unha senda "mellor para Cataluña"

A portavoz de Junts no Congreso, Miriam Nogueras, instou o Goberno a que presente unha senda de déficit que sexa "mellor para Cataluña" para poder votar a favor.

"Non daremos apoio a cambio de nada", advertiu Nogueras en declaracións aos medios de comunicación este martes no Congreso, onde incidiu en que darán os seus sete votos ao Goberno se este presenta unha proposta "negociada" con eles e na que "gañe Cataluña"

Núñez Feijóo: "Parece que as reunións en Suíza saíron mal"

O presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, afirmou tras coñecerse a retirada a senda de estabilidade, que "parece ser que a reunións en Suíza saíron mal" e decidiuse que "España non teña, polo menos de momento, orzamentos para 2025".

"Esta España actual é unha España ingobernable e este Goberno en lugar de ser humilde e buscar apoios, é arrogante e soberbio e está insultado todo o día á oposición", denunciou Feijóo nunha entrevista en Telecinco.

O xefe da oposición lembrou a afirmación do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, de que un Goberno sen orzamento "non ten coche nin gasolina" e recalcou que agora Sánchez non ten nin o uno nin o outro.

O Goberno defende a senda de estabilidade

O Executivo lembra que esta senda foi avalada polas comunidades autónomas no Consello de Política Fiscal e Financeira e flexibiliza os obxectivos de déficit para as comunidades autónomas e os concellos en 2025 e 2026.    

Esa maior marxe asumiríao a Administración central, que sería quen faría o maior esforzo de redución do déficit, dado que en 2025 deberá situar o seu déficit no 2,2 %, no 1,8 % en 2026 e no 1,5 % en 2027. Pola súa banda, o obxectivo de déficit das comunidades en 2025, 2026 e 2027 será do 0,1 %, mentres que os concellos e corporacións locais dispoñerán en 2025 e 2026 de equilibrio orzamentario (0 %).

Tamén se establece que a débeda pública do conxunto das administracións se reduza ao 103,6 % do PIB en 2025, unha porcentaxe que deberá ser case dous puntos inferior en 2026, cando chegue ao 101,8 %. Por último, en 2027 estará por baixo do 100 %, situándose no 99,7 %.

Seguindo coa débeda pública, o obxectivo fixado para as comunidades autónomas é do 20,8 % do PIB en 2025, un 20 % para o ano seguinte e un 19,4 % en 2027. Pola súa banda, a débeda dos concellos manterá unha senda descendente nos próximos exercicios, pasando dun 1,3 % en 2025 e 2026 e o 1,2 % en 2027.

Pola súa banda, o límite de gasto financeiro ou teito de gasto, que non é sometido a votación, fixouse nun tope de 199.171 millóns de euros, incluíndo os fondos procedentes da Unión Europea.    

Dentro do teito de gasto inclúese tamén unha transferencia do Estado á Seguridade Social por importe de 22.881 millóns de euros, un 7 % máis con respecto aos orzamentos de 2023. A Seguridade Social poderá ter un déficit do 0,25 nos tres próximos exercicios.

Rueda di que retirar a tramitación da senda de gasto mostra inestabilidade permanente

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, considerou este martes que a decisión do Goberno de retirar a tramitación da senda de estabilidade, un paso previo aos orzamentos, é unha “mostra máis da inestabilidade permanente na que se move” o Executivo de Pedro Sánchez.

O presidente galego cre que este anuncio pon de relevancia a inestabilidade dun Goberno que depende de “uns socios que un día danlle o apoio e outro día non”. Ademais, estes aliados parlamentarios “cada día póñenlle maiores condicións” a Sánchez porque “saben que o Goberno está á súa mercé”.

Deste xeito, optou por parafrasear ao propio Pedro Sánchez (de 2018) e opinou que “un goberno sen orzamentos é tan útil como un coche sen gasolina”. Ao fío desta frase, Rueda lamentou que “aquí (en alusión ao Executivo central) temos o Goberno sen gasolina”.

Rueda admitiu que non sabe como podería influír nas comunidades que o Goberno non consiga tampouco este ano aprobar as contas e incidiu en que ademais “é moi difícil sabelo” porque Sánchez “cambia cada día de opinión”.

En calquera caso, o presidente galego asegurou que “a Xunta vai seguir o seu camiño” e aprobará os orzamentos autonómicos no mes de outubro -o prazo para remitilos ao Parlamento é o 20 de outubro- polo que, “como todos os anos”, entrarán en vigor o día 1 de xaneiro. 

O teito de gasto, protagonista tamén no Senado

E como non podia ser doutra forma, o atraso da presentación do teito de gasto por parte do Goberno tamén se coou no pleno do Senado. Sen presupostos, din dende o PP,  Sánchez debe convocar eleccións.

Dende a bancada popular lembraron unha frase de Pedro Sánchez dirixida a Rajoy: " Un goberno sen presupostos é como un coche sen gasolina", sinalou a senadora popular Alicia García.

O debate tamén foi intenso a conta do plan de rexeneración democrática. A popular García referiuse a María Jesús Montero como "ministra censora, da bula e do bulo". Na resposta a ministra asegurou que o Partido Popular fixo da mentira "a única maneira de facer oposición".

Houbo tamén tempo para a corrupción. O Partido Popular acusou aos socialistas de esconder a corrupción, sobre todo a do irmán de Pedro Sánchez. María Jesús Montero lamentou que os populares se esqueceran do noivo de Isabel Díaz Ayuso.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade