Publicador de contidos
Publicador de contidos

A lei de vivenda topa no 3 % a suba dos alugueiros e crea un novo índice de referencia

A lei de vivenda topa no 3 % a suba dos alugueiros e crea un novo índice de referencia

O Goberno chega a un acordo con ERC e Bildu para aprobar a normativa que regula o mercado residencial

O IPC deixa de ser a referencia, establécense limitacións para grandes posuidores e mecanismos de protección a inquilinos

G24.gal 14/04/2023 10:36 Última actualización 15/04/2023 17:52

O Goberno chegou a un acordo con ERC e EH Bildu para a aprobación no Congreso da Lei de vivenda tras unha longa negociación, e que vai establecer en 2024 un tope do 3 % nas renovacións anuais dos contratos de alugueiro. A partir dese ano vaise crear un novo índice "máis estable e inferior á evolución do IPC".  

Este índice será elaborado polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e terá que estar listo para o 1 de xaneiro de 2025.

Nunha conferencia de prensa, canda a deputada de ERC, Pilar Vallugera, o deputado de EH Bildu, Oskar Matute, celebrou o acordo "importante, de enorme transcendencia no social e político".

Grandes posuidores e áreas tensionadas

A lexislación modifica ademais o concepto de grandes posuidores, que pasarán a ser aqueles que teñan en propiedade cinco ou máis vivendas nunha área tensionada, cando ata o de agora o límite estaba establecido en dez. Ademais amplíase a grandes posuidores as persoas físicas, e non só xurídicas.

Non obstante, esa rebaixa na cualificación dos grandes posuidores é de competencia das comunidades autónomas.

Así mesmo, serán regulados e topados todos os alugueiros en áreas tensionadas "en todos os casos". Isto será efectivo tanto para grandes como pequenos propietarios, así como para contratos de inmobles que xa estean no mercado de alugueiro e para novos contratos.  

Os topes estableceranse dependendo da modalidade de contrato e propiedade. Será mediante a indexación á renda anterior en vigor para os pequenos propietarios e mediante a aplicación do índice de contención de prezos para os grandes posuidores.

Para a declaración dunha zona de contención de rendas establécense dúas condicións: que a carga media do custe da hipoteca ou do alugueiro máis os subministros básicos supere o 30 % da renda media dos fogares ou ben que o prezo de compra ou de alugueiro aumentase cando menos 3 puntos por enriba do IPC nos cinco anos anteriores.

Esa declaración de área tensionada tamén queda en mans das comunidades autónomas, que serán as que poidan regular eses alugueiros.

Medidas fronte aos desafiuzamentos

Tamén se introducen novas medidas de protección fronte aos desafiuzamentos. Prohibiranse aqueles sen data e hora predeterminada.

Tamén se inclúen novas prórrogas nos procedementos de lanzamento, que aprazarán os procesos máis de dous anos, e estipúlase o acceso obrigatorio aos procedementos de solución extraxudicial para as persoas vulnerables.

Protección aos inquilinos

O acordo coñecido hoxe tamén contempla medidas de protección aos inquilinos; así, os gastos e honorarios inmobiliarios producidos polo alugueiro dun inmoble correrán sempre a cargo do propietario.

Así mesmo, prohíbese aumentar as rendas de alugueiro pola vía de novos gastos, que obrigarían aos inquilinos para abonar gastos de comunidade, taxas de lixo ou calquera outro non atribuíble que non estivesen acordadas previamente.

Do mesmo xeito, elimínanse as cláusulas que permitían a non aplicación das medidas que contén a Lei de existir un acordo entre as partes.

O texto tamén se detén no efecto que a rehabilitación dunha vivenda pode ter sobre o prezo do alugueiro. Para evitar que coa realización de pequenas reformas se eleve o prezo, o propietario só poderá subir o alugueiro se o que se gasta na reforma supera o 10 % do valor de compravenda do inmoble; en calquera caso, esa alza estará limitada a un máximo do 10 %.

Pacto das forzas de investidura

A lei de vivenda é dunha das normativas clave da lexislatura que negociaron PSOE e Unidas Podemos, que lograron achegar posturas con estas forzas do bloque de investidura.

"Unha vez máis, somos as forzas soberanistas de esquerdas deste hemiciclo os que posibilitamos e conseguimos un avance social tan importante como o que supón esta lei", asegurou na conferencia de prensa o voceiro do partido abertzale Oskar Matute.

Aínda así, os nacionalistas recoñecen que lles tería gustado incluír medidas "máis valentes", pero que non foi posible pola "cerrazón en determinadas posicións" do Goberno.

O Executivo si que lles cedeu hoxe o protagonismo de anunciar o acordo. Despois da súa comparecencia, interviña ante a prensa a ministra encargada da norma, Raquel Sánchez, cualificando o acordo de "paso histórico". 

A ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana tamén quixo insistir en que a futura lei "non vai en contra de ninguén", senón que "favorece a todo o mundo, dá garantías aos inquilinos e tamén aos propietarios".

Avaliación tamén dende Podemos, que mantivo a presión sobre o PSOE ata o último minuto. Para a líder do partido, Ione Belarra, "esta foi a negociación máis difícil de sacar adiante de toda a lexislatura". En opinión da ministra de Dereitos Sociais, "hoxe gaña a cidadanía e perden Blackstone, os fondos voitre, a banca e os especuladores".

Dende o PP, cuestionan o pacto. Alberto Núñez Feijóo, presidente do partido, declarouse sorprendido por que "os partidos independentistas sinalen a política de vivenda do conxunto de España cando eles pretenden non formar parte da nación española".

Dende a patronal, agardan a ler a letra pequena. Antonio Garamendi, presidente da CEOE, agarda que "un dereito moi importante, o dereito á propiedade, non sexa invadido".

A lei de vivenda podería quedar aprobada antes das eleccións municipais de maio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade