O Goberno confirma a chegada do AVE a Vigo por Cerdedo
O Goberno confirma a chegada do AVE a Vigo por Cerdedo
"Non máis dúbidas, por favor", di a secretaria de Estado de Infraestruturas, que criticou que a Xunta poña en cuestión esta obra
O Goberno estuda a posible bonificación das peaxes da AP-53 para eliminar desequilibrios territoriais
A secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera, reafirmou este venres en Vigo o compromiso do Goberno coa conexión da alta velocidade ferroviaria entre Vigo e Ourense a través da variante de Cerdedo.
"Este proxecto segue coa solvencia e os cimentos da demanda do potencial que ten Vigo e a súa área de influencia e non sei por que se pon en cuestión nun momento de optimismo e alegría para os galegos", dixo Pardo de Vera tras unha reunión co alcalde da cidade, Abel Caballero.
"Non hai ningunha dúbida", engadiu a secretaria de Estado, quen manifestou que "Vigo é un polo estratéxico, xa non só galego, é unha conurbación con 600.000 habitantes, cun potencial dun millón, e cun peso no PIB importantísimo. Iso é clave para o deseño", manifestou.
Pardo de Vera explicou que as esixencias ambientais medraron e que o Ministerio de Transición Ecolóxica esixiu un estudo hidroxeolóxico, que agora está en fase de medidas de capacidade e que estará concluído o ano que vén.
"Trouxemos a alta velocidade a Galicia, faltan actuacións en Vigo de calado que só se desbloquearon neste momento, como a saída sur, que é posible tamén porque no seu momento tomouse a decisión de facer unha entrada en tuneladora", engadiu, coincidindo co que leva tempo afirmando o alcalde da cidade.
"Non máis dúbidas, por favor", engadiu Pardo de Vera, quen sinalou que “é lexítimo que o potencial de Vigo siga crecendo e que o Goberno se comprometa nese crecemento porque é un valor para todos os españois".
A secretaria de Estado criticou que "segue habendo esas sombras escuras para quitarnos orgullo aos galegos", en relación a quen puxo en dúbida a viabilidade ou o compromiso do Goberno co AVE a Vigo por Cerdedo a conta da estratexia indicativa, e pediu "que non se contaminen actuacións terminadas con actuacións en marcha", referíndose expresamente ao Goberno galego.
"Creo que un exceso de oposición, que é boa se é construtiva, ás veces leva ao ridículo", manifestou Pardo de Vera, que ve "xente obsesionada en cada detalle do que se fai en Madrid, buscando a crítica como sexa, tentando dicir como se fan as cousas ou adxudicándose méritos que non lles corresponden".
A secretaria de Estado subliñou que o Goberno de Pedro Sánchez "desbloqueou moitas cousas para os galegos", e citou a alta velocidade, a saída sur de Vigo, a variante por Cerdedo, as intermodais ou as bonificacións da AP-9.
Bonificacións na AP-53
A secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana afirmou tamén que o Goberno está a analizar a rede de estradas do Estado para corrixir desequilibrios, homoxeneizar a rede e eliminar fendas territoriais respecto das peaxes, o que tamén inclúe a AP-53 entre Santiago e Dozón, como reclama a Xunta.
"Imos presentar un plan que elimine as brechas territoriais en canto a desequilibrios respecto do pagamento e esas bonificacións que quedaron nesas peaxes onde sexan excesivos para homoxeneizar a rede e que non por motivos de territorio se creen fendas de competitividade entre os cidadáns", dixo tras unha reunión co alcalde de Vigo, Abel Caballero.
A Xunta pediulle ao Goberno que bonifique a AP-53 como fixo coa AP-9 para que sirva como arteria vertebradora territorial entre Santiago e Ourense, e calculou que iso supoñería ás arcas do estado 3,2 millóns anuais, un gasto "viable para o Ministerio de Transportes", segundo manifestou o luns a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez.
"A Xunta sempre fala sobre o que non lle compete e nunca lle chega nada, aínda que cando estivo o seu Goberno nunca promoveu nada", respondeu cando lle preguntaron sobre este asunto Pardo de Vera, quen lembrou que o Goberno bonificou a AP-9 "porque era un desequilibrio tremendo respecto do resto do país" e "unha carga excesiva" para os seus usuarios.
Actualmente, o ministerio estuda o resto da rede de estrada, dixo, "para lograr un equilibrio entre a conservación das estradas, a posta a punto e a dixitalización e a integración diaria nunha rede sostible", como pide Europa, o que inclúe cuestións como puntos de recarga ou aparcadoiros seguros.
"Estamos a estudalo con acougo, témolo practicamente terminado, pero o plan vai nesta liña: equilibrios territoriais, equitativos, e tentando bonificar aquilo que socialmente cause calquera desequilibrio", concluíu.