Publicador de contidos
Publicador de contidos

Comité de empresa: "Alcoa quere pechar a fábrica e librarse das súas responsabilidades"

Comité de empresa: "Alcoa quere pechar a fábrica e librarse das súas responsabilidades"

O Ministerio de Industria convoca para este venres a comisión de seguimento para analizar a situación financeira da planta de San Cibrao e o estado de execución dos acordos asinados

O PP e o Goberno cúlpanse mutuamente da situación de Alcoa en San Cibrao

G24.gal 22/01/2024 19:20 Última actualización 23/01/2024 22:36

O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, confirmou que, a estas alturas, a representación dos traballadores ten claro que a multinacional quere "pechar o complexo" industrial mariñán e "librarse das súas responsabilidades polo incumprimento do acordo" asinado no seu día co persoal.

Zan realizou estas declaracións despois da reunión que mantiveron esta mañá os representantes do comité coa secretaria de Estado de Industria, Rebeca Torró.

"Na pasada xunta de accionistas, o director executivo da empresa, Bill Oplinger, xa deixou claro que quería pechar o complexo. O único que espera é chegar a un acordo cos sindicatos, co único fin de librarse xuridicamente das súas responsabilidades", afirmou.

De feito, "para librarse do acordo, e non cumprilo, utiliza aos traballadores da planta de alumina como reféns e ameaza co seu despedimento", dado que a multinacional asinou un acordo que impide a aplicación de "un ERE ou un ERTE na planta de aluminio ata 2026, ampliables se o forno se atrasa".

"Dálles igual que haxa outras solucións", que haxa empresas interesadas ou o Estado "poida tirar" do complexo, dixo Zan. "Dálles igual todo. E iso quedou demostrado nas reunións que tivo a secretaria de Estado de Industria" cos representantes de Alcoa.

De feito, lembrou que "Alcoa non pediu diñeiro para concluír o plan de viabilidade. Tampouco preguntou nada polo marco enerxético, o cal é curioso".

"Hoxe, dous meses despois de que tivesen que executar a obra do forno de cocción de ánodos, aínda non se emprendeu esta obra. E encima, destruíron o forno de cocción que tiñamos anteriormente, co cal hai que estudar unha posible descapitalización da empresa", lembrou o presidente do comité.

Ademais, dixo que Alcoa "falsamente" utiliza as contas da fábrica "como pretexto", dado que “nestes dous anos” eses resultados viñeron provocados “única e exclusivamente pola mala xestión de Alcoa e por ir xulgado tras xulgado, coa mala fe que o persoal conseguiu demostrar" nos tribunais.

En canto á posible intervención pública da empresa, considera que "hai evidencias suficientes de que Alcoa quere pechar a planta, incumprir o acordo de viabilidade e os investimentos comprometidos”, polo que "o Goberno de España está a estudar todas as opcións posibles".

"Ten claro que non pode prescindir desta industria", o cal é "moi importante", dixo Zan, e dálles aos traballadores "unha gran forza para seguir coa súa loita".

O comité reunirase este mércores pola mañá con Alcoa e, pola tarde, coa Xunta de Galicia. Así mesmo, solicitou unha "reunión coa Comisión de Industria do Congreso", para explicarlles aos deputados que "o aluminio é un sector indispensable para transición ecolóxica e enerxética".

O Ministerio de Industria convoca a comisión de seguimento de Alcoa

O Ministerio de Industria e Turismo convocou para este venres, 26 de xaneiro, a comisión de seguimento de Alcoa, creada no seu momento para analizar e avaliar o cumprimento do acordo subscrito pola compañía co comité de empresa para a hibernación da fábrica de aluminio primario de San Cibrao a cambio de investimentos millonarios para a súa modernización.

Así llelo trasladou a secretaria de Estado de Industria, Rebeca Torró, aos representantes do comité de empresa de Alcoa, cos que mantivo esta mañá unha reunión por videoconferencia.

Foi a deste martes unha reunión “urxente”, na que tamén estivo presente o delegado do Goberno, Pedro Blanco, despois de que a dirección da multinacional anunciase a posibilidade de atrasar o rearranque das 32 primeiras cubas da fábrica de aluminio primario, previsto para o día 1 de abril.

Na xuntanza do venres abordaranse, segundo a información facilitada polo propio Ministerio de Industria, a análise da situación financeira da planta de San Cibrao e o estado de execución dos acordos asinados, entre outras cuestións relacionadas co futuro do complexo industrial mariñán.

Industria mantivo diferentes conversacións coa empresa, tal e como se acordou na última comisión de seguimento realizada no mes de decembro, precisamente para que a compañía lle concretase ao Goberno de España as súas necesidades, co obxectivo final de trazar unha folla de ruta ante a actual situación da planta, que segundo Alcoa acumulará “perdas substanciais en 2024”.

Durante a reunión cos representantes dos traballadores, Torró tamén lles transmitiu “o compromiso firme do Goberno para traballar pola industria do aluminio en Galicia e por unha empresa estratéxica como Alcoa, tanto para a rexión como para o resto de España”, e así llelo quixo transmitir aos traballadores. 

Rueda pide a Alcoa "aclarar as súas planificacións"

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pediu a Alcoa que "aclare exactamente cales son as súas planificacións" e que traslade "que pensa facer para cumprir uns compromisos que están perfectamente asinados".

"A empresa ten que ser clara, ten que dicir que ten planificado e ter claro os compromisos que ten que cumprir", dixo Rueda.

A conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, expresouse nos mesmos termos e pediu a implicación do Goberno central.

O BNG solicitou a convocatoria urxente da Deputación Permanente do Parlamento de Galicia coa intención de que a Xunta “dea explicacións sobre as medidas que vai adoptar para garantir o mantemento dos postos de traballo e da actividade industrial” na factoría.

A cabeza de lista do BNG para as autonómicas pola provincia de Lugo, Olalla Rodil, dixo que “a Xunta de Galicia ten que liderar unha resposta fronte aos incumprimentos de Alcoa.

Desde a formación nacionalista volveron apostar pola intervención da factoría. Desde Congreso, en Madrid, o seu deputado, Néstor Rego dixo que "imos defender, como fixemos no pasado, unha intervención pública de Alcoa. Imos defender que o Estado garanta a continuidade desta actividade". Deste xeito, Rego adiantou que trasladará esta posición a próxima semana ao ministro de Industria e Turismo, Jordi Hereu.

Pola súa parte, o candidato á presidencia da Xunta do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro, sostivo este martes que a prioridade dos socialistas respecto á fábrica de San Cibrao é facer que a “multinacional” cumpra os acordos a pesar de que a intervención pública “pode ser unha opción”.

"O que se asinou no seu día, que se cumpra e que, por tanto, siga o funcionamento ordinario normal da central de Alcoa", dixo Besteiro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade