Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno de Trípoli anuncia medidas para paliar as consecuencias do ciclón

O Goberno de Trípoli anuncia medidas para paliar as consecuencias do ciclón

O último reconto fala de 11.300 persoas falecidas, máis de 10.200 desaparecidas e 30.000 desprazadas só na cidade de Derna

Continúa a busca de cadáveres na cidade de Derna
G24.gal 17/09/2023 11:25 Última actualización 17/09/2023 21:16

O primeiro ministro do Goberno de Unidade Nacional (GNU), radicado en Trípoli e recoñecido pola comunidade internacional, Abdulhamid Dbeiba, anunciou unha batería de medidas para apoiar a poboación damnificada polo ciclón Daniel.

O último reconto provisional da Cruz Libia fala de 11.300 persoas falecidas, máis de 10.200 desaparecidas e 30.000 desprazadas só na cidade de Derna.

Dbeiba comprometeuse a pagar un mes adicional de soldo ao funcionariado municipal dos concellos afectados e acelerar o desembolso do cuarto trimestre das axudas familiares destinadas a mulleres e fillos, sobre todo, residentes no leste do país.

En cifras preliminares achegadas polo comité para o rexistro de danos, a superficie total afectada polas inundacións supera os seis quilómetros cadrados, con máis de 6.100 edificios prexudicados, 890 na súa totalidade.

A compañía nacional de electricidade logrou reparar o 90 % das estacións de subministración e restablecer o servizo de comunicacións en máis de 60 localidades e a sociedade de auga e saneamento continúan cos labores de bombeo.

O Centro Nacional para o Control de Enfermidades revelou que o número de casos de contaminación por consumo de auga non potable aumentou a 150 e declarou o estado de emerxencia por un ano para evitar a propagación de doenzas como o cólera ou a diarrea.

O peor desastre natural

A Fiscalía abriu unha investigación sobre os erros humanos que puideron causar o peor desastre natural da historia do país, mentres o GNU pediu transparencia sobre a axuda humanitaria recibida.

O domingo pasado as choivas torrenciais arrasaron o nordés do territorio, especialmente na localidade costeira de Derna, onde provocaron o colapso de dúas presas, vertendo 33 millóns de litros de auga e arrastrando zonas residenciais enteiras, pontes e estradas ata o mar.

División política

A división política complica aínda máis as tarefas de rescate e reconstrución neste país de sete millóns de habitantes, inmerso en máis dunha década de conflito tras o levantamento popular apoiado pola OTAN que derrocou a Muammar Gaddafi en 2011.

O poder executivo divídese en dous organismos: o Goberno de Unidade Nacional (GNU), radicado en Trípoli e recoñecido pola comunidade internacional, de Abdulhamid Dbeiba; e o Goberno de Bengasi, elixido polo Parlamento e baixo control de Haftar, dirixido por Osama Hammad.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade