O Goberno de Vigo aproba unha programación de Nadal menos ruidosa
O Goberno de Vigo aproba unha programación de Nadal menos ruidosa
"Imos reducir de forma importante os efectos colaterais non desexados" e "Vigo seguirá tendo o mellor Nadal deste planeta", declarou Caballero
Hai escasas semanas fíxose pública unha sentenza do TSXG que condenou ao Concello olívico por vulnerar os dereitos dunha veciña
A Xunta de Goberno do Concello de Vigo aprobou a programación da tempada de Nadal 2024-25, "a mellor do planeta", segundo volveu a proclamar o alcalde, Abel Caballero, que reiterou que haberá "un control total da contaminación acústica".
"Este Nadal vai ser aínda máis importante que o ano pasado e imos reducir de forma importante os efectos colaterais non desexados", repetiu Caballero, que proclamou que "Vigo seguirá tendo o mellor Nadal deste planeta".
Ademais, o alcalde de Vigo puxo en valor que o seu goberno foi capaz de "recuperar o Nadal en España" xa que anteriormente había "un número moi importante de concellos que non a celebraban" e "agora todos o celebran".
En declaracións remitidas aos medios, o rexedor olívico avanzou que haberán "11 millóns e medio de luces led". A eles sumaranse elementos escultóricos e adornos de gran tamaños, 15 elementos en 3D "de máis de tres metros de altura cada un" ou o gran abeto do Nadal, así como pistas de xeo, karts e outras atraccións coma mercados.
Igualmente, o alcalde anunciou que se elaborará un estudo de tráfico para mellorar a mobilidade e fluidez da circulación nas zonas de maior aglomeración, aínda que afirmou que o tráfico "mellorou moitísimo" o pasado Nadal. Así mesmo, mellorarase a sinalización e reforzarase a presenza policial.
"Haberá un control total da contaminación acústica"
O alcalde lembrou que xa se fixeron "axustes" o pasado Nadal, sinalou que este ano se pedirá ás empresas que monten as atraccións un estudo acústico previo á montaxe de equipos "para evitar ruídos molestos ou a superación dos límites" que establece a normativa.
Respecto diso, sinalou que reducirá o horario e o espazo das atraccións. Igualmente, reducirase o número de casetas no Cíes Market da Alameda, para mellorar a mobilidade das persoas, onde tamén eliminarase o escenario de actuacións musicais e limitarase o volume do fío musical.
Así, Abel Caballero subliñou de forma insistente que haberá un "control total da contaminación acústica"
Dáse a circunstancia de que hai escasas semanas fíxose pública unha sentenza do TSXG que condenou ao Concello de Vigo debido aos ruídos que tivo que soportar durante dous meses no seu domicilio da zona de Areal.