Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno declara zonas afectadas gravemente por unha emerxencia áreas de Tomiño, Crecente, Oroso e Lugo

O Goberno declara zonas afectadas gravemente por unha emerxencia áreas de Tomiño, Crecente, Oroso e Lugo

Na listaxe aprobada este martes de 176 territorios de 14 comunidades figuran o recente incendio forestal de Crecente, un incendio nunha nave de produtos agrícolas de Tomiño, unha vertedura de gasóleo na AP-9 en Oroso e un incendio nunha nave industrial no Ceao

G24.gal 01/10/2024 14:36

O Consello de Ministros declarou como zonas afectadas gravemente por unha emerxencia de protección civil a 176 territorios de 14 comunidades autónomas, entre elas, os municipios de Tomiño, Crecente, Oroso e Lugo.

A declaración corresponde a sucesos relacionados con fenómenos meteorolóxicos adversos, incendios forestais ou catástrofes de todo tipo entre o 27 de febreiro e o 14 de setembro para poder beneficiarse das axudas previstas na Lei 17/2015 do Sistema Nacional de Protección Civil.

En concreto, o caso de Tomiño débese ao incendio declarado o pasado 11 de maio nunha empresa de produtos hortícolas que obrigou a activar o plan de emerxencias ao arder produtos químicos.

O de Crecente fai referencia ao grande incendio forestal que a comezos de setembro afectou a 300 hectáreas e motivou o desaloxo provisional dunha vintena de veciños pola proximidade das chamas a núcleos habitados.

Ademais, tamén declaran zona afectada gravemente por unha emerxencia o municipio coruñés de Oroso polo accidente o 22 de marzo na AP-9 dun camión que transportaba gasóleo e que derramou a carga pola estrada.

Por último, o polígono do Ceao, en Lugo, viviu o pasado 26 de marzo un incendio industrial declarado na nave dunha empresa de despezamentos que deixou dous traballadores feridos.

"(Estes sucesos) provocaron danos persoais en infraestruturas e en bens públicos e privados que xustifican sen ningunha dúbida a intervención da administración", sinalou o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, na conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros.

As axudas competencia de Interior inclúen as de falecemento ou incapacidade absoluta e permanente (18.000 euros) e as destinadas a particulares por destrución ou danos en aveños de primeira necesidade (o custo cun límite de 2.580 euros).

Tamén as axudas por destrución da vivenda habitual (o custo dos danos, cun máximo de 15.120 euros); as enfocadas a emendar os danos á estrutura da vivenda habitual (o 50 %, cun máximo de 10.320 euros), as utilizadas para os danos na vivenda habitual en xeral (o 50 %, cun máximo de 5.160 euros), as axudas por danos a elementos comúns dunha comunidade de propietarios (o 50 %, cun máximo de 9.224 euros); e as destinadas a persoas físicas ou xurídicas que levasen a cabo prestacións persoais e de bens (o importe total dos gastos).

Así mesmo, tamén compete ao Ministerio as axudas aos titulares de establecementos industriais, mercantís e de servizos, incluídos os agrarios, marítimo-pesqueiros e turísticos (ata 9.224 euros); e as enfocadas a corporacións locais por gastos derivados de actuacións inaprazables (entre o 50 e o 100% segundo os casos).

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade