Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno destaca que Talgo pertence a un sector estratéxico e que vixiará a OPA

O Goberno destaca que Talgo pertence a un sector estratéxico e que vixiará a OPA

A firma húngara ten intención de facerse co total do capital da construtora ferroviaria

G24.gal 07/03/2024 19:35 Última actualización 07/03/2024 20:58

O Goberno advertiu que Talgo é unha empresa que está a operar nun sector estratéxico para o país, e por tanto estará "vixiante" ante a OPA lanzada polo consorcio húngaro Ganz-MaVag.

"Sempre imos defender os proxectos industriais estratéxicos e os postos de traballo", anunciaron fontes do Executivo, que esperan garantir a "estabilidade futura de Talgo".

O grupo húngaro Magyar Vagon anunciou este xoves o lanzamento dunha OPA sobre o 100 % de Talgo por 619 millóns de euros, que apoia a compañía española e o seu principal accionista, a pesar de pronunciamentos en contra do Goberno español.

O Goberno quere garantir a estabilidade da empresa

No Goberno destacan que España conta cun marco para a análise e control de investimentos estranxeiros, "reforzado o ano pasado", que garante que as operacións non afecten á autonomía estratéxica e aos intereses de España en materia de infraestruturas críticas, saúde, seguridade e orde pública.

Á súa vez, tamén busca gardar o equilibrio para seguir sendo atractivos como destino investidor.

O ministro de Transportes Óscar Puente expresou este mércores a súa oposición á operación ao comentar nun foro privado, que posteriormente trascendeu, que o Executivo fará "todo o posible" para evitar a OPA, ante o temor de que detrás desa oferta estea o Goberno ruso.

Pola súa banda, o titular de Industria Jordi Hereu destacara o carácter estratéxico de Talgo no pasado mes de febreiro, e este xoves en Bruxelas avanzou que a operación se analizará na Xunta de Investimentos Exteriores.

"Imos defender este proxecto industrial", asegurou o ministro ao coñecerse unha OPA que, segundo o consorcio que a lanzou, pretende reforzar a capacidade industrial de Talgo e abrirlle mercados estratéxicos e en crecemento en Europa.

O prezo por acción

A oferta da compañía, que a firma húngara prevé presentar pouco antes de que remate o prazo preceptivo dun mes, lánzase a cinco euros por acción para pagar en efectivo e condicionada a que sexa aceptada por, cando menos, o 50 % máis unha acción.

O capital de Talgo está en mans dos dous principais accionistas, Trilantic e Torreal, que en conxunto controlan ao redor dun 45 %, en tanto que case un 55 % está a cotizar en Bolsa.

Segundo o consorcio húngaro, a operación pretende reforzar a capacidade industrial de Talgo e abrirlle mercados estratéxicos e en crecemento en Europa. Tamén asegurou que manterá a sede en España, a capacidade de fabricación e a actividade, e tamén o emprego, a marca e a relación comercial estratéxica con RENFE.

Unha empresa ligada a Orbán

A empresa que lanza a opa é propiedade dun antigo asesor do primeiro ministro húngaro Viktor Orbán. Foi creada en 2020 polo actual ministro húngaro de Defensa Kristóf Szalay-Bobrovniczky, que se consolidou no sector ferroviario mediante privatizacións en Hungría.

Detrás deste consorcio están DJJ e András Tombordono tamén da empresa aeronáutica checa Aero Vodochodyque foi conselleiro de Asuntos de Seguridade Nacional de Orbán durante o seu primeiro executivo entre 1998 e 2002.

Talgo ten pendente unha reclamación por parte de RENFE dunha compensación por valor de 116 millóns de euros polo atraso de máis de tres anos na entrega dos trens de alta velocidade S106, coñecidos como Avril, aínda en proceso de proba.

Segundo o informe de retribucións da compañía enviado á CNMV o pasado 28 de febreiro, o conselleiro delegado Gonzalo Urquijo ten asinado un compromiso de retribución en accións, con 889.878 títulos, que se fará efectivo tras 24 meses desde a data dun cambio de control. Nese caso cobraría 4,45 millóns. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade