O Goberno di que se baixará ao Pitanxo en 2023, en función da meteoroloxía e dos medios
O Goberno di que se baixará ao Pitanxo en 2023, en función da meteoroloxía e dos medios
O Executivo confirma os trámites nunha resposta a unha pregunta do BNG
O Goberno central ten previsto realizar as operacións para baixar e inspeccionar o pecio do pesqueiro Villa de Pitanxo, naufragado o 15 de febreiro en augas de Terra Nova, no Canadá, o próximo 2023, "tendo en conta a meteoroloxía da zona e a dispoñibilidade dos medios que interveñan".
Así o confirmou o Executivo estatal a través dunha resposta escrita, rexistrada no Congreso o pasado 13 de decembro, a unha pregunta do deputado do BNG, Néstor Rego, sobre os trámites que está a realizar para acometer estes traballos xa comprometidos.
Na súa resposta, o Goberno remítese a unha nota informativa publicada o 18 de novembro de 2022 pola Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM) sobre o estado do procedemento, que indicaba que xa se iniciaron os trámites para baixar ao pecio deste naufraxio que se cobrou a vida de 21 dos 24 mariñeiros que ían a bordo.
"A licitación tramitarase conforme coa Lei de Contratos do Sector Público e as operacións terán lugar no ano 2023, tendo en conta a meteoroloxía da zona e a dispoñibilidade dos medios que interveñan", asegura o Executivo na súa resposta.
Así, tras localizarse os restos do barco, procederase á súa inspección visual mediante un vehículo operado remotamente dotado de cámaras para examinar distintos aspectos do buque -como os seus equipos, as artes de pesca e o fondo mariño- que "poidan resultar de interese para a investigación de seguridade".