Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno galego aproba o teito de gasto máis alto da historia, por María Bastida

OPINIÓN

O Goberno galego aproba o teito de gasto máis alto da historia, por María Bastida

G24.gal 12/10/2023 08:17

O pasado luns, o presidente da Xunta expuxo un conxunto de medidas dirixidas á mellora do benestar das familias -axudas para persoas dependentes, descontos para maiores de 65 anos, axudas para a adquisición de material deportivo, universalidade e automatización da tarxeta benvida ou rebaixas fiscais para a adquisición de vivenda e transmisión de vehículos entre particulares, por exemplo- que indubidablemente supoñen un incremento do gasto público. En consecuencia, a pregunta estaba servida: como se van financiar as ditas medidas? E, o máis importante, como imos garantir que non se resenten os servizos públicos?

Onte mércores coñecemos a resposta. No consello de Goberno adiantado por mor da festividade deste xoves, Alfonso Rueda anunciou a aprobación do límite de gasto non financeiro da comunidade autónoma para 2024, que ascende a 13.257 millóns de euros, un 5 % máis que o orzamento do exercicio en curso. Este límite debe ser agora remitido ao Parlamento, para o seu debate e aprobación, e é o primeiro paso para confeccionar o orzamento da comunidade autónoma, ao establecer o máximo de gasto que se pode acadar no proxecto de Lei de orzamentos xerais de Galicia.

Aínda queda algún aspecto por clarexar, do que probablemente teñamos datos nas vindeiras semanas. Así, sabemos que o ano próximo se retomarán as regras de gasto suspendidas por mor da pandemia de 2020, o que implica que debe producirse un axuste entre gastos e ingresos que sustente os orzamentos. Sabemos, tamén, que mentres non haxa un Goberno central con capacidade de decisión, dificilmente coñeceremos as transferencias para Galicia. Con todo, a nosa comunidade autónoma ten experiencia tanto en axustes coma en expectativas -moitas veces frustradas- de fondos do goberno estatal.

Un ano máis, na base desta previsión de teito de gasto reside o cumprimento do obxectivo de débeda da comunidade autónoma, e o presente proxecto non contempla endebedamento. Para iso, e alleo ás incertezas do que poida o no acontecer no conxunto do Estado, estímase un crecemento da economía galega do 1,8 % no 2023, e unha diminución da taxa de paro ata o 9,8 %. Para o 2024 as previsións son algo máis optimistas, medrando a economía na contorna do 2 %, e cunha caída adicional do desemprego de catro décimas, ata o 9,4 %.

Polo tanto, semella unha previsión prudente. A maiores, supón un garante de estabilidade en tempos convulsos. Efectivamente, a vida sigue o seu curso, independente de negociacións, pactos e retardos políticos. E para iso, precísase dun marco planificado, que permita financiar os servizos que cubran as nosas necesidades. Agora, o trámite parlamentario. Nalgún momento, procederase a axustes, cando se clarifique a situación no goberno central. Ou cando deixen de negociar. E por suposto, de repartir.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade