O Goberno mantén as subas extraodinarias do 1% nas peaxes na AP-9 ata o 2038
O Goberno mantén as subas extraodinarias do 1% nas peaxes na AP-9 ata o 2038
A partir de 2024 Transportes irá reducindo a subvención que destina as concecionarias para limitar a suba das peaxes
En Colectivo fala de parche e a Xunta cualifica a suba como "inaceptable"
O Boletín Oficial do Estado (BOE) publica este mércores o decreto coas medidas anticrise, que inclúe a decisión que afecta a AP-9 e outras autoestradas. Nelas, indica, "a revisión ordinaria das tarifas que corresponda aplicar en 2023 (...) será asumida polo Ministerio de Transportes na medida necesaria para que os usuarios só soporten unha suba máxima de tarifas do 4 %".
Á espera de como se establecen as novas peaxes por tramo, o cálculo de incrementar un 4 % as peaxes implica que A Coruña-Santiago pasa a custar 7,5 euros; Santiago-Pontevedra, 6,4 euros e Pontevedra-Vigo, 4,3 euros.
A partir de 2024, segundo engade, "reducirase progresivamente a porcentaxe asumida polo Ministerio de Transportes. E avisa de que, "como máximo, o 31 de decembro de 2026 deberá quedar suprimida esta subvención".
A Delegación de Goberno, unha vez analizados os transitos nas autoestadas calculará a compensación a percibir pola concesionaria. Esa cantidade incrementarase cos xuros xerados.
O Goberno mantén, ademais, as subas extraordinarias das peaxes da AP-9 nun 1 % ata o ano 2038.
En Colectivo fala de parche
A asociación de consumidores En Colectivo critica o "parche" que pon o Goberno central á suba das peaxes da autoestrada AP-9, posto que só supón unha "demora" dun maior incremento ata o ano 2024.
O portavoz desta asociación, Diego Maraña, advirte de que o Executivo "perde unha oportunidade para igualar" as condicións de galegos coas de cataláns e valencianos. Ademais, avisa do risco de que, se o IPC continúa "disparado" en 2024, o que pasará coa AP-9 é que persistirá "o mesmo problema, pero multiplicado por dous".
A Xunta lamenta que o Goberno non conxelase as peaxes das súas autoestradas
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, lamentou que o Goberno de España non decidise conxelar a partir do 1 de xaneiro as peaxes das autoestradas estatais en territorio galego, tal e como se pediu repetidamente desde San Caetano.
“É unha subida. Nós xa dixemos que había unha solución directísima e moi eficaz que é facer o que fixo a Xunta de Galicia: conxelar as peaxes (...) Eu laméntoo moito porque, insisto, a mesma concesionaria coa que a Xunta negociou unha conxelación, por tanto un 0 por cento de subida, é a mesma coa que o Goberno central negociou unha suba do 4 que en realidade é un 8”, asegurou o presidente de Galicia.
A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, censura que a "inaceptable" alza do 4 % nas peaxes na AP-9 e a AP-53 para 2023 "é unha pésima noticia para Galicia". "Pedimos ao Goberno de España que adopte a mesma decisión que a Xunta, que conxelen as peaxes de autoestradas da súa competencia", dixo a conselleira de Mobilidade, Ethel Vázquez.
Así o apuntou nunha xornada na que a conselleira asinou o convenio con Autoestradas de Galicia para manter sen variación os prezos das autoestradas autonómicas, A Coruña-Carballo (AG-55) e Val Miñor (AG-57), a partir do 1 de xaneiro de 2023. Esta conxelación vai beneficiar a uns 26.500 usuarios diarios que teñen estas dúas vías autonómicas.