Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno propón manter dous anos máis as condicións flexibles das probas de acceso á universidade

O Goberno propón manter dous anos máis as condicións flexibles das probas de acceso á universidade

A pandemia motivou a realización dunha proba con máis preguntas a escoller

O alumnado poderá presentarse cunha materia suspensa

G24.gal 10/12/2021 09:19

O Ministerio de Educación propúxolles ás comunidades autónomas manter durante este curso académico e o seguinte a fórmula utilizada o ano anterior na proba de acceso á Universidade, máis flexible para os estudantes.

O borrador das probas de avaliación do bacharelato para o acceso á universidade (ABAU) para os cursos 21/22 e 22/23 envióuselle hai uns días aos gobernos autonómicos e ao Consello Escolar do Estado, que o verá, xunto co anteproxecto de real decreto de ensinos mínimos de Bacharelato, na súa reunión do próximo 21 de decembro.

A proposta do departamento dirixido por Pilar Alegría é manter a excepcionalidade nos próximos dous cursos, igual que o ano pasado, ao considerarse que os alumnos tiveron dous cursos especiais como consecuencia da covid-19.

Así, haberá unha única proba con máis preguntas a escoller por parte do alumnado, que substitúe o modelo precovid de dobre opción para elixir e desenvolver unha delas.

Para a proba de acceso á universidade en 2024, tal e como establece a última lei de educación (Lomloe), haberá un novo modelo de exame sobre o que xa empezaron a traballar os ministerios de Universidades e Educación xunto cos reitores.

Poderanse presentar cun suspenso

Este ano, a principal novidade será que os alumnos de 2º de bacharelato poderanse presentar á ABAU cunha materia suspensa, grazas ao cambio introducido no recentemente aprobado real decreto de avaliación, promoción e titulación do Ministerio de Educación. Con todo, para poder facelo deberán cumprir unha serie de condicións, como obter unha nota media de 5, acudir a clase con asiduidade e presentarse aos exames.

Co mantemento do modelo do último curso, a ABAU versará sobre as materias xerais do bloque de materias troncais de segundo curso de Bacharelato da modalidade elixida para a proba e, no caso de autonomías con lingua propia como Galicia, da materia de Lingua Galega e Literatura.

A cualificación para o acceso á Universidade calcúlase ponderando un 40 % a proba e un 60 % a nota final da etapa.

Entenderase que se reúnen os requisitos de acceso cando o resultado desta ponderación sexa igual ou superior a 5 puntos.

Superar a  ABAU, á que se presentaron o ano pasado máis de 200.000 mozos e mozas en España, ten validez indefinida.

A proba divídese en dúas fases: a xeral (lingua e literatura, lingua estranxeira, historia e unha materia troncal segundo a modalidade de bacharelato cursada) e a específica ou voluntaria, onde se poden facer un máximo de catro exames.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade