Arranca o programa piloto da semana laboral de catro días en España
Arranca o programa piloto da semana laboral de catro días en España
As empresas interesadas que teñan ata 20 traballadores terán que pasar a catro días de traballo á semana polo menos o 30 por cento do cadro de persoal
As que teñan entre 21 e 249 traballadores poderán rebaixar esa porcentaxe ao 25
Xa se coñecen os detalles do programa piloto para poñer a proba en España a semana laboral de catro días. Hoxe publícanse no Boletín Oficial do Estado os requisitos que deben cumprir as empresas que queiran participar neste programa.
Un proxecto que o Goberno restrinxe ao sector industrial, cun presuposto de dez millóns de euros, e do que calcula que se beneficiarán entre 60 e 70 pemes.
As empresas interesadas que teñan ata 20 traballadores terán que pasar a catro días de traballo á semana polo menos o 30 por cento do cadro de persoal. As que teñan entre 21 e 249 traballadores poderán rebaixar esa porcentaxe ao 25.
O traballador cobrará o mesmo e a empresa recibirá axudas para gastos de persoal de entre o 80 e o 90%.
Menos horas, maior produtividade
"O empregado mellora a súa produtividade traballando menos horas pero mantendo o seu salario e a empresa mellora os seus resultados. Os que participen neste programa poderán recibir axudas de ata 150.000 euros", explicaba a ministra de Industria, Reyes Maroto.
Esa redución da semana laboral manterase polo menos dous anos, e a distribución deses traballadores por sexos será representativa da do conxunto da empresa, que tamén se compromete a propoñer melloras produtivas.
Se cumpren con estes requisitos, o Ministerio de Industria axudaraas con ata 150.000 euros durante o primeiro ano de participación neste plan piloto.