Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno recoñece erros no sistema de detección de casos de violencia machista

O Goberno recoñece erros no sistema de detección de casos de violencia machista

O ministro do Interior di que os fallos "non poden poñer en dúbida a calidade e robustez do sistema VioGén"

G24.gal 02/07/2024 20:57

A ministra de Igualdade, Ana Redondo, recoñeceu este martes a existencia dun "problema" no sistema de detección de casos de violencia machista tras unha fin de semana no que catro mulleres e dous nenos foron asasinados polas parellas ou exparellas das vítimas.

"Necesitamos pescudar onde se producen os fallos na coordinación e como mellorala porque aí detectamos un problema", sinalou Redondo na conferencia de prensa posterior ao comité de crise celebrado para analizar os casos producidos en xuño, con 7 mulleres e 2 nenos asasinados, ademais dos de abril, cando se confirmou o asasinato de 5 mulleres e 3 nenos.

Con todo, a ministra pediu "confianza" porque, nas súas palabras, "en boa parte dos elementos analizados, o sistema funciona".

Pola súa banda, o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, recoñeceu en referencia ao caso da muller asasinada en Las Pedroñeras (Cuenca) que "houbo unha quebra no sistema" e sinalou que se analizarán as circunstancias concretas para concluír "onde estivo o erro".

De todos os xeitos, indicou que estes posibles fallos "non poden poñer en dúbida a calidade e robustez do sistema VioGén e a profesionalidade dos máis de 43.000 funcionarios" dedicados á protección e seguridade das vítimas.

"Pido ás mulleres que denuncien e confíen nas nosas forzas e corpos de seguridade do estado porque en moitas ocasións, diría que en case todas, é a forma de salvar a vida", resaltou.

Entre as medidas acordadas no seo do comité, Redondo anunciou que este mércores se reunirá coa ministra de Sanidade, Mónica García, para estudar como pode mellorarse a detección de casos de violencia de xénero na atención primaria.

"Unha boa porta de entrada aos casos de violencia de xénero prodúcense a través da atención primaria", asegurou Redondo, que instou a "reforzar a coordinación" entre institucións para lograr "detectar con antelación" os casos "que se perden no sistema e non detectamos suficientemente a tempo".

Sobre a violencia vicaria, a ministra subliñou a súa vontade de adoptar políticas "específicas" e fixo fincapé en que "as medidas de protección dos menores non poden ser exclusivamente civís, senón que han de ser tamén penais".

"As civís só se manteñen durante 30 días e ás veces non protexen de forma suficiente aos menores", concretou Redondo, quen pediu ter claro que "non entra entro do interese superior do menor a necesidade de manter un vínculo co maltratador, porque un maltratador nunca é un bo pai".

O Ministerio de Igualdade reuniu este martes por oitava vez desde a súa creación en 2022 ao comité de crise, un órgano que analiza os crimes machistas producidos naqueles meses onde existe unha repunta da violencia de xénero, con cinco ou máis asasinatos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade