Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno retira a reforma da lei do solo para evitar outra derrota parlamentaria

O Goberno retira a reforma da lei do solo para evitar outra derrota parlamentaria

A ministra de Vivenda lamenta que o PP deixara a un lado a súa posición de partido de Estado para "poñer unha cambadela ao Goberno" e confía en retomar a reforma tras o 9-X

Sumar advírtelle ao PSOE que o camiño non é confiar no PP, senón negociar cos socios

O PP nega que negociase a lei co PSOE e di que só os chamaron para pedirlles o apoio
 

Pedro Sánchez e Yolanda Díaz, no Congreso dos Deputados (EFE/Fernando Alvarado)
G24.gal 23/05/2024 08:50 Última actualización 23/05/2024 13:22

O Goberno retirou da orde do día do Pleno o proxecto de lei de modificación da lei do solo para garantir a súa tramitación e evitar outra derrota parlamentaria, xa que no pleno ían someterse a votación as emendas á totalidade presentadas por Podemos, ERC e Junts e apoiadas por Sumar.

O PSOE quedara só no Congreso. Todo apuntaba que a lei non ía saír adiante e dependía do PP para que o proxecto non fose devolto ao Goberno. Sería a segunda derrota parlamentaria esta semana, despois de que este martes os socialistas viran como caía a súa lei para prohibir o proxenetismo polo voto en contra de PP, Sumar, ERC, Junts, EH Bildu e PNV.

Isabel Rodríguez: "Lamento que o PP deixara a un lado a súa posición de partido de Estado para poñer unha cambadela ao Goberno"

A ministra de Vivenda, Isabel Rodríguez, lamenta que o PP "deixara a un lado a súa posición de partido de Estado para poñer unha cambadela ao Goberno", coa súa decisión de non apoiar a tramitación da reforma da lei do solo, aínda que dixo que confía en "retomar" a negociación cos populares e os seus socios "tras o furor" das eleccións europeas.

En declaracións no Congreso, Rodríguez atribuíu ao "nerviosismo electoral" a falta de apoio do PP a unha reforma promovida por concellos e comunidades nos que goberna, e apoiada unanimemente polo sector inmobiliario.

"O nerviosismo electoral excede o interese xeral, e é unha pena", dixo a ministra. Isabel Rodríguez explicou que puxo á disposición dos grupos parlamentarios o texto do seu proxecto de lei para que, cando pase o "furor electoral", sirva de base para negociar un reforma "necesaria" que demandan alcaldes de "todas as cores" xa que o texto "tecnicamente é bo".

Íñigo Errejón, Sumar: "O Goberno de coalición non avanza confiando no PP, senón confiando nas súas propias maiorías"

O portavoz de Sumar, Íñigo Errejón, advertiulle este xoves ao PSOE que o camiño para aprobar leis como a reforma da lei do solo ou a lei contra o proxenetismo non é buscar apoios no PP, senón negociar cos socios de investidura.

Errejón reprochou os socialistas que tratasen de aprobala co apoio do PP, porque "sempre falla", e instoulle a cumprir o acordo de Goberno con Sumar, que si é un partido "fiable". Desde Sumar engaden que "o Goberno de coalición progresista non avanza confiando no PP, senón confiando nas súas propias forzas e nas súas propias maiorías". 

Ione Belarra, Podemos: "É a terceira vez que logramos parar esta reforma"

Na formación morada non ocultan a súa satisfacción. A secretaria xeral de Podemos, Ione Belarra, lembra que é a terceira vez que logran parar esta reforma que, ao seu xuízo, busca "legalizar e blindar as urbanizacións ilegais".

Gabriel Rufián, ERC: "Que as lentellas ou as comes ou as deixas é un mal negocio en política"

O voceiro de ERC no Congreso, Gabriel Rufián, afirma que "é dramático que o PSOE non sexa capaz de negociar leis. Que as lentellas ou as comes ou as deixas é un mal negocio en política", dixo.

Rufián afirma que souberon pola prensa da retirada do texto, cre que "confiar no PP a estas alturas é unha temeridade" e indica que os socialistas "hai un camiño que non queren recorrer que é o camiño do diálogo e a interlocución".

Oskar Matute, Bildu: "Unha maioría tan plural e diversa hai que coidala"

Tras a segunda derrota parlamentaria sufrida polo PSOE en tan só 48 horas, Oskar Matute, de Bildu, indicou que "o Goberno demostrou esta semana o que non se ten que facer para que a maioría teña percorrido".

Segundo Matute, "unha maioría tan plural e diversa hai que coidala, e coidala significa interlocutar". Do contrario, explica, "faremos unha dinámica de política que bloquea as decisións, que é de suma cero e nos impide avanzar cara a ningún lado".

Borja Sémper, PP: "O Goberno ten un problema co Goberno"

O portavoz do PP, Borja Sémper, asegura que o acontecido demostra que "o Goberno ten un problema co Goberno". Nos corredores do Congreso explicou que o seu grupo lle pedira ao PSOE "negociar" a reforma da lei porque lles parecía "pouco ambiciosa", pero "este Goberno non só non negocia nin fala coa oposición -dixo-, tampouco fala no seo do propio Goberno".

Fontes da dirección nacional do PP indicaron a EFE que non existiu unha negociación co Ministerio de Vivenda sobre a lei do solo e reprocháronlle ao PSOE que só os chamaran para pedirlles o apoio, sen negociar.

A mesma versión ofreceron outras fontes parlamentarias do PP, que apuntaron a que o Executivo non contactou co grupo popular ata o pasado martes e non entrou a negociar a reforma.

Outras fontes do PP tamén subliñan que a lei do solo é incompatible coa Lei de vivenda, que o PSOE aprobou a pasada lexislatura coa esquerda, e denuncian a falta de coherencia na política inmobiliaria de Sánchez.

Patxi López, PSOE: "Hai quen en lugar de ser o vehículo do que piden os concellos prefire meter o dedo no ollo ao Partido Socialista ou ao Goberno"

O portavoz do PSOE no Congreso, Patxi López, lembrou este xoves que a reforma da lei do solo que foi retirada por falta de apoio parlamentario tiña a súa orixe na Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), dirixida polo PP, polo que lamentou que ese partido preferise "o dedo no ollo" ao Goberno que a súa propia iniciativa.

En declaracións á prensa no Congreso tras anunciar o Goberno que retiraba da lei, López lembrou que a proposta partía dos municipios, gobernados por diferentes forzas políticas, entre elas o PP. E indicou: "Hai quen en lugar de ser o vehículo do que piden os concellos de maneira moi razoable prefire meter o dedo no ollo ao Partido Socialista ou ao Goberno".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade