Protagonismo para o caso Aldama no Congreso, o Senado e os xulgados a semana vindeira
Protagonismo para o caso Aldama no Congreso, o Senado e os xulgados a semana vindeira
Desde o PP, Cuca Gamarra sostén que Pedro Sánchez debería dimitir no Congreso Federal do PSOE
Os socialistas reivindican a honestidade do Goberno e din que Aldama non ten credibilidade
O conseguidor Víctor de Aldama seguirá xerando titulares políticos a semana que vén. O primeiro escenario da axenda relacionada co caso será o Congreso, onde o Partido Popular comanda unha ofensiva para esixirlle explicacións ao Goberno. Pedro Sánchez e varios ministros afrontan unha sesión de control con varias preguntas sobre Aldama rexistradas polo PP e Vox.
No Senado, a comisión de control relacionada co caso Koldo e as súas ramificacións interrogará tres ministros. Son María Jesús Montero, Óscar Puente e Ángel Víctor Torres.
Desde o PP sinalan que Sánchez debería dimitir no próximo Congreso Federal do PSOE:
"Pedro Sánchez dixo que ía combater a corrupción e, ao final, o que quere é perseguir a información e converterse na Inquisición da información que está destapando todas as súas tramas de corrupción. O que debería facer é dimitir nese Congreso Federal", propón Cuca Gamarra, secretaria xeral do PP.
E os socialistas reiteran que Aldama di mentiras para librarse da prisión preventiva.
"Non se lle pode dar credibilidade. E sabe quen lle está dando credibilidade ao señor Aldama? Estao facendo o Partido Popular, o señor Feijóo, que o que lle molesta ao señor Feijóo é que o Goberno do partido socialista, o Goberno de España, é un Goberno limpo, contundente contra a corrupción", declaraba Elma Saiz, ministra de Inclusión e Seguridade Social.
O terceiro escenario desa axenda é o xudicial. O xuíz do caso Koldo interrogará entre este luns e o martes cinco socios de Aldama. A citación destes cinco investigados é anterior á recente declaración en sede xudicial do comisionista.