Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno reúnese o luns co Comité Nacional de Transporte por Estrada

O Goberno reúnese o luns co Comité Nacional de Transporte por Estrada

O CNTC solicita ao executivo que garanta o dereito ao traballo dos profesionais que decidiron non secundar o paro

G24.gal 19/03/2022 08:47

As ministras de Asuntos Económicos, Facenda e Transportes reuniranse o luns co Comité Nacional de Transporte por Estrada (CNTC) para estudar a situación do sector, protagonista dun paro indefinido que ameaza con provocar desabastecemento en cinco días.

Anunciouno este venres a última hora do día o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. Na súa sede, terá lugar a reunión co órgano sectorial que fai as veces de interlocutor co Goberno.

Segundo a Plataforma para a Defensa do Sector de Transporte de Mercadorías por Estrada Nacional e Internacional, son grandes frotas e cargadores que representan o 15 % das empresas do sector, mentres que o outro 85 % está formado por autónomos e pemes,

Esta plataforma foi a que convocou o paro indefinido que desde o luns pasado está a causar cada vez máis problemas na cadea de subministración dalgúns produtos, e obrigou a un amplo dispositivo policial para evitar que os piquetes impidan o traballo dos profesionais que non secundan a protesta.

Os membros desa plataforma din non sentirse representados no CNTC, o órgano que foi convocado á reunión coa vicepresidenta primeira do Goberno e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño; a ministra de Facenda e Función Pública, María Jesús Montero, e a ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez.

Desabastecemento

O paro ameaza con enquistarse e provocar finalmente desfornecemento, á vista dos problemas que xa se está a xerar na cadea de subministracións dalgúns produtos e o rexeitamento do Goberno para negociar cos seus convocantes.

A Plataforma para a Defensa do Sector de Transporte de Mercadorías por Estrada Nacional e Internacional reiterou este venres que non desconvocará o paro mentres non os reciba a ministra do ramo, Raquel Sánchez. A ministra definiu a plataforma, en declaracións públicas, como un grupo de ultras que tenta someter o país a unha chantaxe.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, expresou este venres a súa "absoluta empatía" ante as demandas dos transportistas, aos que ofreceu diálogo, pero chamou á calma ante as accións violentas "dunha minoría" fronte ás que o executivo garantirá a orde pública.

Impacto do prezo dos carburantes

A convocatoria da reunión anunciouse pouco despois de que o CNTC lle pedira ao Goberno que adopte medidas económicas "inmediatas e extraordinarias" para reducir o impacto que o incremento do prezo dos carburantes está a ter no sector, sen que na súa opinión se poida agardar ata o día 29 de marzo.

O órgano de diálogo do sector coa Administración solicitou tamén ao Goberno que garanta o dereito ao traballo daqueles transportistas que decidiron non secundar o paro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade