O Goberno traballa coa idea dunha suba do 3,5 % do soldo dos funcionarios en 2023
O Goberno traballa coa idea dunha suba do 3,5 % do soldo dos funcionarios en 2023
Este mércores comeza a negociación cos sindicatos poñendo sobre a mesa a suba dos soldos, un pacto plurianual dos salarios e a xornada laboral de 35 horas
Os funcionarios estatais que estean asignados a zonas en risco de despoboación poderán teletraballar ata o 90 % da súa xornada se o posto o permite
O Ministerio de Facenda baralla unha suba salarial para os empregados públicos do 3,5 % para 2023, segundo confirman á Axencia Efe fontes sindicais, que, con todo, sinalan esa oferta como punto de partida da negociación que comeza esta tarde.
Segundo adianta o diario El País, xunto ao tema salarial o Ministerio de Facenda leva á reunión desta tarde cos sindicatos CCOO, UXT e CSIF na mesa de xeneral de función pública a intención de pechar un pacto plurianual e a posibilidade de reducir a xornada laboral a 35 horas.
Desde Facenda non confirman cifras porque a negociación está aberta.
Desde UXT e CCOO xa avanzaran que o seu obxectivo na negociación é pechar un acordo plurianual, que permita o mantemento e a recuperación do poder adquisitivo e que isto incluiría revisar o 2 % aprobado para este ano.
Xunto a isto, buscan a implantación da xornada laboral de 35 horas, así como melloras no acceso ao emprego público e na carreira, promoción e clasificación profesional.
CSIF, que o pasado sábado celebrou unha manifestación en Madrid, esixe tamén ao Goberno que actualice os salarios públicos para recuperar o poder adquisitivo e que negocie unha suba salarial plurianual dando así exemplo ao sector privado.
Buscan combater a perda do poder adquisitivo que levan sufrindo nos últimos anos, subiron os soldos un 2 por cento cando a inflación está no entorno do 10. "Este ano unha desvalorización salarial do oito por cento e dende o 2010 case un 20 por cento", asegura, José Sánchez, secretario de organización da CSIF Galicia.
Demandan, así mesmo, medidas económicas "eficaces" que garantan uns servizos públicos de calidade achegando os recursos necesarios.
Os sindicatos levan reclamando tempo unha suba salarial para os empregados públicos, de feito houbo manifestación en Madrid, onde participaron máis de 70 mil persoas. Ante a presión social, o Goberno aceptou por primeira vez sentar a negociar.
"Oxalá poidamos chegar a un acordo plurianual que será moi importante para a estabilidade dos traballadores públicos deste país", asegura María Jesús Montero, Ministra de Facenda.
"Non imos aceptar faragullas e imos negociar ata o final propoñendo cuestións fundamentais para os empregados públicos", asegurou Francisco Lama, secretario de acción sindical da CSIF.
"O acordo ten que supoñer una recuperación salarial intensa e o acordo de darse ten que darse con outras materias no todo é salario nesa negociación", di Unai Sordo, secretario xeral de CCOO.
Esta tarde comezan as negociacións, que os sindicatos pretenden que se alonguen durante os próximos días.
Os funcionarios asignados a zonas en risco de despoboación poderán teletraballar o 90 % da súa xornada
Os funcionarios estatais que estean asignados a zonas en risco de despoboación, a coñecida como España Baleira, poderán teletraballar ata o 90 % da súa xornada se o posto o permite.
A normativa sobre o teletraballo na Administración Xeral do Estado en que está a traballar o Ministerio de Facenda e que negocia cos sindicatos incorpora esta previsión, segundo anunciou María Jesús Montero no Congreso.
A ministra de Facenda destacou que a medida afectaría funcionarios en risco de despoboación ou en postos de difícil cobertura e que o cómputo do teletraballo sería mensual.
"Iso vai permitir que haxa persoas que pensen en trasladarse a esas áreas e que as persoas que xa residan nesas zonas poidan permanecer nelas", engadiu.
Montero fixo este anuncio en resposta a unha pregunta do deputado de Teruel Existe, Tomás Guitarte, quen destacou na súa intervención as vantaxes que ten para estes territorios evitar a despoboación.
O deputado suxeriu que un sistema híbrido de teletraballo nas axencias do Estado podería “manter a presenza do Estado en todo o territorio mediante un modelo moi eficaz de desconcentración, sen necesidade de descolocar centros de axencias estatais”.
“Agora temos vixente unha norma de traballo a distancia provisional" que ten, como ocorreu na pandemia, un obxectivo de eficiencia enerxética pola guerra en Ucraína e que se rexe polo modelo 2+3, pero este modelo pode desenvolverse, sempre dentro do diálogo cos sindicatos e facéndoo compatible co servizo que se presta aos cidadáns, engadiu Montero.
A ministra sinalou que actualmente se “están catalogando os postos de traballo que poden seguir o réxime de teletraballo e cales son obrigatoriamente presenciais. Cada administración pública terá que facelo. Pero o teletraballo veu para quedar, e temos que repensar os servizos públicos para que se manteña o contacto con persoas cando se requira, pero tamén aproveitar as vantaxes da tecnoloxía”.