O Govern anima os colexios a non atender a sentenza do Supremo sobre o castelán
O Govern anima os colexios a non atender a sentenza do Supremo sobre o castelán
O Goberno di que ten que ser a Generalitat a que execute a sentenza
O conselleiro catalán de Educación, Josep González-Cambray, enviou este mércores unha carta aos directores dos centros educativos en que os anima a facer caso omiso da sentenza que obriga as escolas a dar polo menos un 25 % das clases en castelán.
O conselleiro enviou a carta, á que tivo acceso Efe, aos directores dos 5.108 centros educativos cataláns un día despois de que o Tribunal Supremo non admitira o recurso de casación que a Generalitat presentou contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña que ordenaba ao Govern garantir que o castelán sexa a lingua vehicular, como mínimo no 25 % das materias, polo que este ditame pasa a ser firme.
Na misiva aos directores, o conselleiro afirma que a sentenza "é un grave ataque aos fundamentos do modelo de escola catalá, realizado desde un tribunal afastado e descoñecedor da realidade sociolingüística dos centros educativos".
González-Cambray traslada aos directores que non deben levar a cabo "ningún cambio nos proxectos lingüísticos", a pesar do que di a sentenza do Tribunal Supremo, e trasládalles: "Temos plena confianza en vós e queremos que sigades traballando exactamente como ata o de agora".
Respecto diso, nunha entrevista esta mañá en RAC-1, o conselleiro afirmou: "Asumimos as responsabilidades que nos toca" e que os centros "terán o amparo legal da Generalitat" e "estaremos a carón dos docentes", que "poden estar tranquilos" para "seguir educando como o fixeron sempre".
O conselleiro dixo ademais que este martes á mañá falou coa ministra de Educación, Pilar Alegría, e "trasladoume que desde o ministerio emprazarán a que se cumpra a Lomloe", en que "se di que, nas comunidades con dúas linguas cooficiais, débese garantir a aprendizaxe de ambas as ao acabar a etapa obrigatoria", o que "estamos a facer en Cataluña".
O Executivo remite ao Govern cumprir a sentenza
O Goberno central remite ao Govern da Generalitat para cumprir a sentenza do Tribunal Supremo, xa que subliña que é a quen lle compete. Fontes do Executivo din que a obriga de executar a sentenza é do executivo de Pere Aragonés, non do central.
Nese mesmo sentido pronunciouse a ministra de Política Territorial e portavoz do Goberno, Isabel Rodríguez. "O Goberno non ten esas competencias. Os xuíces fan o seu traballo e nós executamos", sinalou nos corredores do Congreso.