Publicador de contidos
Publicador de contidos

O grupo saudita STC convértese no terceiro accionista de Telefónica tras facerse co 9,97 %

O grupo saudita STC convértese no terceiro accionista de Telefónica tras facerse co 9,97 %

A Sociedade Estatal de Participacións Industriais, co 10 %, é o principal accionista da multinacional 

Defensa di que calquera movemento de STC en Telefónica será respectando a seguridade nacional

Eduardo Parra/Europa Press
G24.gal 24/01/2025 09:39 Última actualización 24/01/2025 12:56

O grupo saudita STC xa é o terceiro accionista de Telefónica logo de confirmar que xa é propietario do 9,97 % do capital social da multinacional e anunciou que establecerá conversacións coa operadora para obter un asento no Consello de Administración, segundo unha comunicación enviada polo seu vehículo investidor Luxco á Comisión de Valores e Bolsa dos Estados Unidos (SEC).

O grupo STC, que ata o de agora tiña o 4,9 % de Telefónica de maneira directa, obtivo o pasado novembro a autorización do Goberno de España para controlar ata o 9,97 % da multinacional española.

Con este incremento de capital por parte dos sauditas, Telefónica ten tres accionistas principais, a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), cun 10 %, seguido moi de preto por STC e Criteria, que teñen case un 10 %. En cuarto lugar está o BBVA cun 4,8 % do capital.

Na súa comunicación, STC apuntou a posibilidade de establecer conversacións con Telefónica para unha posible combinación de negocios e alternativas estratéxica entre ambas as dúas compañías "sen límite ningún", aínda que, de momento, non ten "intención de facelo".

A información á SEC especifica na comunicación que Green Bridge SCS (Luxco), o vehículo investidor de STC, propietario desta última ao 100 %, posúe 565,28 millóns de accións de Telefónica, que ten un total de 5.670 millóns de accións ordinarias en circulación, é dicir, o 9,97 % do capital.

Margarita Robles. Ministra de Defensa. "Hai un acordo e unhas regras claras nas que en ningún caso a seguridade nacional pode verse afectada. É un dos compromisos  para que o consello de ministros dera a autorización. A prioridade vai ser sempre a defensa nacional", explica a Ministra de Defensa, Margarita Robles.

Robles, en TVE: "Calquera movemento de STC en Telefónica será respectando a seguridade nacional"

A ministra de Defensa, Margarita Robles, defendeu este venres que calquera movemento da saudita STC derivado da súa participación no capital de Telefónica será sempre baixo o respecto da seguridade nacional.

"Hai un acordo e unhas regras clarísimas" polas que "en ningún caso a seguridade nacional pode verse afectada", salientou Robles este venres nunha entrevista con TVE, despois de que transcendera que STC comunicou ao regulador bolsista que xa ten o control do 9,97 % de Telefónica e que planea negociar a súa incorporación ao Consello de Administración.

Robles insistiu en que para dar luz verde no seu día á incorporación de Saudita Telecom ao capital de Telefónica se contou coa participación do Ministerio de Defensa, que actuou "con moita prudencia e moita discreción".

"Telefónica é clave para os servizos de comunicación das nosas Forzas Armadas e afecta absolutamente a Defensa Nacional. Por iso se asinou un acordo entre as partes", explicou a ministra.

Grazas a ese acordo para que o Consello de Ministros dese a autorización para que entrarse a Saudi Telecom, dixo, hai "unhas regras clarísimas nas que en ningún caso a seguridade nacional pode verse afectada".

"A prioridade vai ser sempre na defensa nacional (...). Iso é intocable. (...). Calquera movemento que se faga vai ser sempre dentro do marco respecto diso dese acordo que se negociou e conveuse", sentenciou Robles.

Luxco, propiedade de STC ao 100 %, é a compradora das accións

Engade, que STC, na súa calidade de empresa matriz e parte controladora final de Luxco, é propietaria e ten poder de decisión e de voto sobre todos estes valores.

Telefónica está presidida desde o pasado sábado por Marc Murtra, tras a substitución de José María Álvarez-Pallete nun consello de administración convocado por este último con carácter de urxencia, en que se aprobou pedirlle a súa dimisión.

Esta decisión anuncióuselle a Pallete o mesmo venres pola tarde nunha reunión en que participaron estes tres grandes accionistas.

A empresa de telecomunicacións saudita anunciou en setembro de 2023 que comprara unha participación do 9,9 % de Telefónica por 2.100 millóns de euros, un 4,9 % en forma de accións e o 5 % de instrumentos financeiros.

Con iso converteuse no principal accionista de Telefónica. A partir de aí, a SEPI empezou a comprar accións de Telefónica ata facerse co 10 %, do mesmo xeito que Criteria, que tamén incrementou a súa participación na teleco ata rozar o 10 %.

Por entón, a compañía saudita aclarou que non tiña intención de adquirir o control ou unha participación maioritaria en Telefónica.

Por entón, tamén afirmou que o investimento na teleco reflectía a súa confianza no equipo directivo de Telefónica, a súa estratexia e a capacidade de crear valor. Con todo, este grupo foi un dos que apoiou a substitución de Pallete.

Saudi Telecom é o líder dixital de Oriente Medio e ofrece produtos e servizos innovadores en Arabia Saudita, Oriente Medio e Norte de África, segundo a información remitida pola empresa, que cotiza na Bolsa de Arabia Saudita cunha capitalización bolsista que roldaba por entón os 49.200 millóns de euros.

Para incrementar a súa participación do 4,9 % de Telefónica, ao 9,97 % necesitaba a autorización do Goberno. Este permiso obtívoo máis dun ano despois de anunciar a súa entrada na multinacional española. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade