O home que asasinou a Diego Piñeiro en Londres seguirá na cadea
O home que asasinou a Diego Piñeiro en Londres seguirá na cadea
A xustiza desestimou o seu recurso e terá que seguir cumprindo a cadea perpetua á que o condenaron hai 24 anos
Novidades no caso de Diego Piñeiro, o neno galego de 12 anos que morreu en Londres tras recibir trinta coiteladas da man dun vagabundo con desequilibrio de personalidade.
Pasaron xa 24 anos e agora a súa familia di estar contenta ao saber que o asasino vai seguir na cadea.
"Unha satisfacción tremenda ao saber que non o deixan. Este asasino non fai nada na rúa", di a nai de Diego, Ángeles Villar.
A satisfacción chega logo do golpe que recibiron hai cinco meses, cando o criminal presentou un recurso para intentar quedar en liberdade.
"El xa leva anos pedindo a liberdade. Pero avalíano e non... Trátase dun asasino de nenos. Isto non é unha brincadeira. Trátase dunha cousa moi seria".
Foi no 1999 cando Diego, de 12 anos, coñeceu o que sería o seu asasino nun parque de Londres, cando o defendeu duns nenos que lle tiraban pedras.
O delincuente obsesionouse con el. Vixiábao, deixáballe mensaxes nos bancos e acosábao. En maio de 2020 matouno a coiteladas.
"Por min xa podía quedar alí para sempre. Pero, polo menos, que cumpra trinta anos", di Ángeles Villar.
A nai de Diego, que atopou certo acougo en Pontedeume, onde está soterrado o seu fillo, di tamén estarlles moi agradecida aos compañeiros do colexio no que estudaba Diego en Londres.
Lembra que o pasado mes de abril emprenderon unha campaña de sinaturas para solicitarlle ao Parlamento británico que os condenados por asasinar menores estean polo menos tres décadas en prisión antes de poñelos en liberdade.