O home sospeitoso de provocar o incendio de Vigo estaba fóra a noite do sinistro
O home sospeitoso de provocar o incendio de Vigo estaba fóra a noite do sinistro
Os axentes non atoparon acelerantes nin ningún indicio de intencionalidade
A titular do xulgado que instrúe o caso está á espera do informe definitivo da Policía Científica que determine con maior exactitude a causa concreta do incendio. Os axentes non atoparon acelerantes nin ningún indicio de intencionalidade.
Así que, todo apunta a que tivo unha orixe fortuíta no cadro de contadores da entrada do edificio. A tese gaña peso na investigación, dado que a xeolocalización do teléfono móbil dun antigo ocupante do inmoble, a quen os seus veciños apuntaban como sospeitoso, o sitúa fóra da cidade de Vigo nesa madrugada, moi lonxe do lugar dos feitos.
Desbótase a súa participación, xa que tampouco hai ningunha testemuña que contradiga esta versión. É unha das novidades coñecidas nas últimas horas despois de que a xuíza levantase o segredo de sumario. Por agora só o propietario do bloque de vivendas se presentou na causa, e faino como prexudicado.
O lume e o fume ascenderon con forza pola cheminea en que se converteu o oco das escaleiras e causoulles a morte a unha muller e tres nenos. Dúas semanas despois do suceso, cinco feridos, entre eles unha irmá e o pai dos cativos falecidos, continúan hospitalizados.