Publicador de contidos

Publicador de contidos

O hospital de Lugo xa xestiona a baixa dos pacientes que ingresan para seren operados

O hospital de Lugo xa xestiona a baixa dos pacientes que ingresan para seren operados

De momento o trámite faise nas cirurxías programadas e en breve estenderase a outros servizos

É o primeiro hospital galego en poñer en marcha esta medida, coa que queren reducir o traballo administrativo dos médicos da Atención Primaria
 

G24.gal 28/02/2025 14:33

Os pacientes que teñen unha cirurxía programada poden tramitar a baixa desde o mesmo día de ingreso e desde o propio hospital. "Comunícaselle o día da intervención e o día de ingreso. E nese momento pregúntanlle ao paciente se precisa o parte de baixa", explica Jorge Peinó, xefe do servizo de Admisión do HULA.

O trámite faise desde o servizo de Admisión e de momento só coas cirurxías programadas, pero en breve estenderase a outros servizos.

"De momento está funcionando ben, hai que estendelo aos outros hospitais da área, que será nos próximos días, hai que facer tamén unhas modificacións nas aplicacións corporativas do servizo galego de saúde", engade o xefe de Admisión do Hula.

A medida pretende facilitarlle a xestión ao paciente e aliviar a carga de traballo administrativo dos médicos de familia, aínda que eles seguirán encargándose dos controis e partes de confirmación.

"Afórraselle tempo ao traballador, evítaselle unha consulta, dáselle a baixa no momento en que corresponde", explica Lorenzo Armenteros, médico de familia e membro da Sociedade Española de Médicos de Familia.

Na atención primaria ven un avance, pero agardan que a tramitación das baixas se estenda a máis pacientes. "É un avance pequeno porque só son pacientes cun ingreso cirúrxico", di Armenteros.

De momento o HULA é o único hospital galego que tramita as baixas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade