O hotel creado nunha fábrica de papel do século XVIII recibe unha chave Michelin
O hotel creado nunha fábrica de papel do século XVIII recibe unha chave Michelin
A antiga papeleira de Brandía é un gran enxeño hidraulico da época preindustrial
Aproveitaba a forza motríz da auga do río Sar, moi preto de Compostela
A vexetación cubriu por completo o edificio ata que foi rehabilitado como hotel hai 15 anos
Luisa García Gil é arquitecta especialista en patrimonio. Hai uns 40 anos pedíronlle que asesorase a posible compravenda do que quedaba da antiga fábrica de papel de Brandía. Foi así como descubriu esta industria do século XVIII, que aproveitaba a forza motriz das augas do río Sar. O estado en que estaba daquela facía imposible darse unha idea da súa magnitude.
"Víanse cachos de pedra no medio dunha manta de vexetación. Estaba cuberto de hedras que subían polas paredes e estábano devorando", explica Luisa García.
Aquela ruína difícil de calibrar nunca chegou a venderse, ata que, vinte anos despois daquel primeiro encontro, Luisa e a súa familia decidiron poxar por ela e facer un proxecto de recuperación que os converteu e hoteleiros, aínda que non tiñan relación co sector.
"Namorámonos do edificio e acabamos de hoteleiros sen ser pertencer a este mundo", conta a arquitecta.
Ademais da propia estrutura do edificio, na decoración incluiron elementos que axudan a contextualizalo. Un exemplo son as ilustracións da Gran Enciclopedia Francesa que estampan o ascensor. Conta a arquitecta que proceden dun exemplar orixinal da Gran Enciclopedia Francesa, grazas a colaboración da Libraría Couceiro. A papeleira de Brandía axústase exactamente ao modelo reflectido na grande obra da Ilustración.
"Está todo porque a natureza que o envolveu e o afogou, protexeuno. Entón é un enxeño hidráulico que está enteiro. É a fábrica de papel máis grande da Galicia preindustrial", apunta Luisa.
O inmoble da antiga papeleira de Brandía acabou sendo sucesivamente fábrica de panos, serradoiro e, por último, fábrica de xeo e cervexa. A forza motriz de todos eses proxectos industriais segue moi presente no Hotel Quinta da Auga, desde hai xa quince anos. A empresa acaba de recibir unha chave Michelin, un recoñecemento máis á súa calidade hoteleira, algo inseparable do marco histórico no que se asenta.
"Os edificios non poden perder a súa alma; queremos que todo o poder industrial estea presente, que se vexa e que se sinta", expresa Luisa.