Publicador de contidos
Publicador de contidos

Desactivada a situación 2 en Verín porque xa non hai perigo para as casas

Desactivada a situación 2 en Verín porque xa non hai perigo para as casas

Estabilizado o lume no concello de Maceda, en Castro de Escuadro, que xa calcinou 150 hectáreas

A Unidade de Investigación de Incendios ten claro que foi provocado porque empezou con doce focos distintos

G24.gal 04/08/2022 08:36 Última actualización 04/08/2022 21:57

O incendio forestal declarado a primeira hora deste mércores en Verín calcinou xa unhas 600 hectáreas, segundo informou Medio Rural ás 8:30 horas da mañá deste xoves. 

Dez focos cercaron o concello case a un tempo. Primeiro, preto das casas, o que obrigou a desaloxos rápidos, e despois ao pé da autovía, que estivo cortada durante varias horas.

Segundo informou o alcalde de Verín, a situación mellorou sensiblemente pola noite, grazas ao traballo dos medios de extinción que, agás os aéreos, batallaron incansablemente para conter o avance do lume. 

Medio Rural confirma que foi intencionado. Sorprende a virulencia do incendio, que está deixando un regueiro de destrución ao seu paso. 

O lume arrasou coches, ameazou vivendas e granxas de animais e chegou mesmo a fábrica de Augas de Sousas

Na tarde deste xoves desactivouse o nivel 2 de alerta pola proximidade do lume ás casas, un lume que chegou ao veciño de concello de Vilardevós.

Á parte da Unidade Militar de Emerxencia, tamén se sumaron brigadistas de León. Un deles sufriu un golpe de calor e tivo que ser trasladado ao hospital. 

A angustia que pasaban onte á tarde os veciños da Rasela, co lume á porta das casas, tradúcese hoxe en desolación. Salváronse as vivendas, pero a paisaxe escureceu, arderon vides e frutais, palleiras... A Manuel Rodríguez Salgado, o lume calcinoulle unha nave: "É demasiado para min. Ardeume unha caravana, todo dentro: lavadora, lavalouza, unha cociña..."

Os palés de Augas de Sousas seguían ardendo esta mañá, e ao pé da nacional 525, varias casas e negocios estiveron ameazados polas lapas. "Lapas dun lado e do outro, non había como apagalo. Eu quedei na casa para que non ardera", explica un veciño.

O mesmo pasou en Ábedes, a poucos quilómetros, onde varias vivendas foron desaloxadas por precaución. "Vímolo aí e, de repente, xa por todos os lados", asegura unha muller.

O lume cruzou a autovía e seguiu avanzando durante a noite, en distintas frontes. Chegou ata A Veiga das Meás, en Vilardevós.

"Menos mal que as leiras dos veciños estaban limpas, se non, ardería a casa", comenta un veciño que tivo que abandonar a casa durante unhas horas pola ameaza das lapas.

Aquí seguían traballando hoxe os equipos de extinción, co reforzo da UME. As lapas concéntranse agora no monte, nunha zona de difícil acceso, pero onte comezaron ao pé da estrada e nunha ducia de puntos diferentes.

Activos lumes en Maceda, A Mezquita e Calvos de Randín

Continúa activo, pero controlado, un lume no concello de Maceda, en Castro de Escuadro, que xa calcinou 150 hectáreas. Trátase dun incendio que comezou en tres focos simultáneos, polo que todo apunta a súa intencionalidade.

Os equipos de extinción conseguían onte pola tarde perimetralo pero aínda seguen a traballar na zona.

No concello da Mezquita está estabilizado outro lume que xa arrasou tamén, segundo as últimas estimacións de Medio Rural, 150 hectáreas. Iniciouse contra as cinco da tarde na parroquia do Pereiro onde as lapas se achegaron a varias vivendas.

Tamén está controlado o incendio de Calvos de Randín, parroquia de Lobás, que comezou o mércores pola tarde, segundo o alcalde, por mor dun raio. Neste lume arderon 50 hectáreas. Son os tres incendios máis importantes, fóra do de Verín, que afectan neste intre a provincia de Ourense.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade