O incendio do Courel segue activo e leva queimadas máis de 11.000 hectáreas
O incendio do Courel segue activo e leva queimadas máis de 11.000 hectáreas
A situación 2 desactivouse e xa non quedan veciños desaloxados
Despois de oito días no Courel empezan a abandonar o inferno. O incendio aínda continua activo, pero os medios de extinción xa conseguiron asegurar o seu perímetro. Aínda así non se baixa a garda.
"É un incendio que está quente, con rescaldos que hai que atender porque pode haber reproducións, e así seguiremos todos estes días", di Manuel Rodríguez, director xeral de Defensa do Monte.
A desfeita, é máis visible desde o aire. A imaxe despois do paso das lapas, é a da devastación. 11.100 hectáreas carbonizadas, das que dez mil están dentro do xeoparque do Courel. No medio desta desolación, as boas novas chegan desde A Devesa da Rogueira, a maior reserva ecolóxica da serra, unha paraxe única en Europa. Está a salvo.
Xa non quedan persoas desaloxadas, os últimos en volver foron os 200 veciños que aínda o estaban. En total, neste incendio un milleiro de persoas tiveron que abandonar as súas vivendas. Tamén se desactivou a situación 2 ao remitir o perigo para os núcleos de poboación.