Cortes na N-120 e na N-540 por incendios na provincia de Ourense
Cortes na N-120 e na N-540 por incendios na provincia de Ourense
Tres incendios na comarca do Ribeiro levan calcinadas máis de 145 hectáreas
Restablécese o tráfico na N-540, afectada polo incendio en Vilamarín
Un incendio forestal obrigou a cortar ao tráfico de vehículos ata as 7 da tarde nun treito de estrada N-540 entre Ourense e Lugo ao seu paso pola localidade ourensá de Vilamarín. O corte produciuse para facilitar o labor dos equipos de extinción.
O lume foi detectado esta tarde na parroquia de León do municipio de Vilamarín e afecta a unha zona próxima á estrada na denominada recta de Pitón.
Outros tres incendios forestais, rexistrados na comarca ourensá do Ribeiro, en concreto en Ribadavia e Melón, superan xa as 145 hectáreas calcinadas, segundo a información actualizada pola Consellería do Medio Rural.
O incendio de Ribadavia afecta xa 65 hectáreas, e hai outros dous activos en Melón, que suman 80 hectáreas arrasadas. Estes incendios prodúcense en plena onda de calor, que afecta con dureza á provincia de Ourense, que hoxe segue en alerta por altas temperaturas e con valores mínimos elevados.
O incendio rexistrado na parroquia de Quins (Melón) comezou o pasado luns ás 22.30 horas, afecta a 35 hectáreas e no seu control participan cinco axentes, dez brigadas, nove motobombas e un helicóptero.
Ademais, os equipos de extinción tratan de apagar un segundo incendio que comezou no mesmo lugar na noite do martes, aínda activo, e que afecta a unhas 45 hectáreas.
Para controlar este outro lume, mobilizáronse nove axentes, catorce brigadas, once motobombas, dúas pas, cinco helicópteros e tres avións.
No que respecta ao incendio de Ribadavia, este lume, que arrincou ás 22.11 horas do luns, calcinou polo momento 65 hectáreas.
Un amplo operativo trata de sufocar o lume. Conta coa participación de doce axentes, 32 brigadas, 21 motobombas, tres pas, seis helicópteros e cinco avións.
O incendio de Ribadavia volveu provocar este mércores o corte de tráfico na estrada Nacional 120. Esta madrugada xa houbo no lugar un primeiro corte na circulación, que foi recuperada a primeira hora.
O corte na estrada, dun total de tres quilómetros, realizouse coa intención de facer unha devasa e evitar que as lapas cheguen a un viaduto.
O incendio aproximouse instalacións do restaurante Oasis, situado ao pe desa estrada N-120, e que levaba tempo sen actividade. Precisamente é alí onde se traballa para tratar de abrir esa devasa.
Ademais dos incendios rexistrados na provincia de Ourense, a Consellería do Medio Rural informou doutro incendio orixinado en Palas de Rei onte ás 21:06 horas, na parroquia de Cuíña. Este incendio, que comezou en tres focos diferentes, foi xa controlado desde esta madrugada, tras queimar 22 hectáreas.