O índice do progreso social mostra a Galicia como unha das comunidades autónomas mellor valoradas, por María Loureiro
O índice do progreso social mostra a Galicia como unha das comunidades autónomas mellor valoradas, por María Loureiro
OPINIÓN
O índice do progreso social mostra a Galicia como unha das comunidades autónomas mellor valoradas, por María Loureiro
O Índice de Progreso Social (IPS) é un instrumento que mide en que grao os países satisfán as necesidades básicas e ambientais dos seus cidadáns. Para o ano 2024, avaliáronse 170 países, 26 de maneira parcial. O IPS componse de 57 indicadores distribuídos en 12 compoñentes, agrupados en 3 dimensións: necesidades básicas, fundamentos de benestar e oportunidade.
O IPS evita indicadores económicos para medir o progreso social directamente e simplificar a separación de causa e efecto. En 2024, o mundo experimentou unha lixeira deterioración no progreso social despois de doce anos consecutivos de crecemento. Para o Índice de Progreso Social en España, o ano 2024 mostrou unha lixeira deterioración en comparación con 2023. Ademais, 52 países experimentaron unha diminución no seu progreso social. No caso de España, algúns compoñentes clave, como a nutrición e a atención médica básica, e tamén o acceso a coñecementos básicos, experimentaron un retroceso. Estes cambios poden estar relacionados co impacto da pandemia da COVID-19 e a vaga inflacionaria ocasionada polos prezos da enerxía e os alimentos, fundamentalmente.
No caso de Galicia, o indicador de 109.9 sobre 100 puntos da UE sitúaa como a rexión no posto 70 / 236, é dicir, no 30 % de rexións con máis puntuación na clasificación europea. Dentro de España está tamén sobre a media e é a terceira con maior puntuación global, só superada polo País Vasco e pola Rioxa; mentres, nos postos de clasificación inferior atopamos a Estremadura, Andalucía e Ceuta-Melilla. Se comparamos os resultados de Galicia con España, vemos que superamos a media nacional en todos os ítems en canto a progreso social.
Con todo, se comparamos no plano tanto estatal como de comunidade autónoma, existen dous elementos cruciais que fan decrecer o indicador medio de forma moi significativa con respecto á media europea, que son comúns tanto en Galicia como en España. En especial, necesitamos mellorar en materia de educación básica (fundamento de benestar) e de acceso á vivenda (como necesidade básica). E a mensaxe máis positiva, para o final. Galicia puntúa moi por enriba da media nacional en materia de calidade ambiental, seguridade e educación superior. En resumo, hai futuro! Isto é unha mensaxe excelente para comezar o verán. Feliz verán!