O INE confirma que a economía española creceu o 2,5 % en 2023 acelerando a final de ano
O INE confirma que a economía española creceu o 2,5 % en 2023 acelerando a final de ano
O Goberno destaca "a boa marcha da economía" española, cun crecemento "máis de cinco veces superior ao da media da zona euro e o máis elevado entre as principais economías europeas"
O Instituto Nacional de Estatística (INE) confirmou este martes que a economía española creceu o 2,5 % en 2023, despois de que o avance do PIB aumentara dúas décimas no cuarto trimestre, ata o 0,6 %.
O INE mantivo así mesmo o patrón de crecemento anual, cunha achega da demanda nacional (consumo e investimento) de 1,7 puntos porcentuais e unha contribución da demanda externa (exportacións e importacións) de 0,8 puntos.
O crecemento anual sustentouse na fortaleza do consumo das familias, impulsado pola creación de emprego e do consumo público, así como na boa evolución do sector exterior, nun contexto no que os tipos de xuro están no seu nivel máis alto das dúas últimas décadas.
O investimento, en particular o empresarial, mostrou unha maior debilidade e segue sen recuperar o nivel previo á pandemia.
No conxunto de 2023 o consumo dos fogares creceu o 1,8 % e o das Administracións públicas, o 3,8 %, mentres que o investimento avanzou un 0,8 %.
O valor do PIB a prezos correntes para 2023 situouse en 1.462.070 millóns de euros, un 8,6 % superior ao de 2022.
O avance do 2,5 % está en liña cos crecementos anuais rexistrados antes da pandemia, pero por baixo dos dous últimos anos nos que se rexistraron avances do 6,4 % en 2021 e do 5,8 % en 2022.
Cuerpo subliña "a boa marcha da economía" española
O ministro de Economía, Comercio e Empresa, Carlos Cuerpo, cualificou de "claros e incontestables" os datos definitivos de Contabilidade Nacional publicados este martes polo INE, e engadiu que confirman "a boa marcha da economía española".
"As cifras son claras e incontestables" fronte ás "predicións catastrofistas e os relatos nesgados", insistiu o ministro nun comunicado remitido aos medios de comunicación.
Cuerpo destacou que o crecemento económico en 2023 foi "máis de cinco veces superior ao da media da zona euro e o máis elevado entre as principais economías europeas", mentres que "catro de cada dez empregos creados na zona euro en 2023 foron en España".
Respecto á inflación, lembrou que "se reduciu en oito puntos en apenas un ano e medio", pero "a súa moderación está a ser compatible co crecemento".
O ministro tamén fixo fincapé en que a capacidade de financiamento da economía española alcanzou "o seu máximo histórico" en 2023, polo que "o noso crecemento xa non é dependente do financiamento do exterior", remarcou.
No comunicado, engadiu que o déficit público pechou no 3,7 % en 2023, "batendo todas as previsións e pechando case na súa totalidade a brecha coa situación precovid".