Publicador de contidos
Publicador de contidos

O informe científico solicitado por Bruxelas propón ampliar a 115 as zonas vetadas á pesca

O informe científico solicitado por Bruxelas propón ampliar a 115 as zonas vetadas á pesca

O dossier realizado polo ICES establece que os ecosistemas mariños vulnerables do golfo de Biscaia e da costa ibérica medrarían ata un 62 por cento

Como contrapartida, aínda sendo máis zonas vetadas, estar reducirían a súa superficie

A Xunta cualifica o informe como "un novo despropósito" e o sector expresa a súa preocupación

G24.gal 19/04/2023 16:15

A última proposta dos científicos europeos sobre a pesca de fondo defende pechar ata 115 caladoiros para este tipo de actividade pesqueira. A medida afectaría directamente 200 barcos de capital galego e outros 900 de maneira indirecta.

O informe do ICES (Consello Internacional de Exploración do Mar) debía chegar para o Nadal, logo adiouse ata finais do inverno e só agora, coa primavera, é cando por fin a Comisión Europea ten esta nova análise científica.

Os científicos do traballan con varios escenarios sobre os ecosistemas mariños vulnerables. Por iso propoñen protexer entre un 15 e un 17 % máis as augas do mar Céltico. E as do golfo de Biscaia e a Costa Ibérica tamén medrarían entre un 49 e un 62 %.

O ICES calcula entre 102 e 115 as áreas con ecosistemas mariños vulnerables. Reduce, iso si, a súa superficie, que iría entre os 10.000 e os 15.000 quilómetros cadrados. Menos extensa que nos anteriores informes, aínda que aumenten os polígonos vedados á pesca de fondo.

O ICES aumenta nas súas análises os polígonos con supostos ecosistemas mariños vulnerables no norte das augas ibéricas, principalmente na beira galega. En total, calcula que entre un 11 e un 18 % das augas profundas de pesca no Golfo de Biscaia e a Costa Ibérica serían polígonos protexidos.

Este informe non afecta aá pesca de fondo de artes fixas, como o palangre ou as nasas, ao recoñecer que a súa interacción co fondo mariño varía con cada unha delas e que teñen un impacto menor ao das redes de arrastre. Unha demanda esixida pola Xunta de Galicia e os eurodeputados galegos en Bruxelas.

Con estes novos datos, a Comisión Europea debe abrir un debate coas frotas pesqueiras, os Estados e as rexións afectadas para decidir se manter o veto á pesca de fondo en 87 áreas mariñas.

 A Xunta ve "un despropósito máis" 

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, fala de despropósito. Di que os datos non están actualizados e pídelle á Comisión Europea que tamén teña en conta o impacto social e económico das medidas que adopta. 

Durante un acto en Salvaterra, a titular de Mar criticou o documento por utilizar, segundo di, "datos que veñen do ano 2009 e 2011".

"O que estamos a demandarlle á Comisión Europea é que teña en conta non só os informes científicos, senón tamén o impacto social e económico", subliñou Quintana.  

Neste sentido, pediu "que actualicen os datos científicos, que non se poden basear no ano 2023 en datos que os máis novos son de 2011".

Ademais, apuntou "á observación directa de todos os buques que están a pescar" e que "acreditan que a situación dos recursos é boa".  

Preocupación na frota

O presidente da Alianza Europea de Pesca de Fondo (EBFA, nas súas siglas en inglés), Iván López, manifestou a súa preocupación polo informe científico a favor de manter as vedas no Atlántico oriental, sobre todo polas perspectivas para a frota de Galicia e do Cantábrico.

O responsable da EBFA, tamén representante da patronal española de armadores Cepesca, subliñou que o informe deixa perspectivas "pouco afagadoras" sobre o futuro desa prohibición.

Nese sentido, sinalou que a situación anunciase difícil especialmente para Galicia e a costa cantábrica onde "os peches multiplícanse" no informe, e sobre todo "xérase un problema moi grave" para a frota de baixura.

López engadiu que o informe tamén deixa constancia da falta de datos apropiados na Unión Europea e nese sentido pediulle á CE que tome nota.

Con todo, avogou pola prudencia e por "poñerse a traballar duramente de maneira técnica" para dialogar coa CE e tratar de que o impacto final das decisións en Bruxelas non sexa tan prexudicial para a frota.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade