Publicador de contidos
Publicador de contidos

O kamikaze que causou un choque múltiple na AP-9 di: "Foi o maior erro da miña vida"

O kamikaze que causou un choque múltiple na AP-9 di: "Foi o maior erro da miña vida"

Recoñeceu parcialmente os feitos, pero dixo que pensaba que ía no carril correcto e que cando se decatou cesou a súa traxectoria

G24.gal 07/11/2024 13:30

Dezasete persoas prestaron hoxe declaración no Xulgado do Penal 1 de Vigo en relación co accidente múltiple ocasionado pola condución temeraria do acusado, quen entrou á autoestrada AP-9 en sentido contrario á altura da rúa Cervantes de Vigo. Ía, segundo recoñeceu, baixo os efectos do alcol, de cocaína e de marihuana, datos que tamén confirmaron máis de media ducia de axentes da Garda Civil e a forense.

A defensa incidiu nas malas condicións meteorolóxicas: néboa, poalla e falta de iluminación pública. O acusado dixo tamén levar a música alta e as xanelas do vehículos subidas, por iso dixo que non se decatara de que varias persoas o alertaron de que circulaba mal. Só acordou pouco antes de bater co primeiro vehículo.

O acusado e a defensa apuntaron que era adicto ao alcol e á cocaína e que está nun proceso de desintoxicación nun centro de Vigo; algo que non foi corroborado pola forense, que dixo non poder confirmar que non sexa un consumidor de fin de semana.

O acusado pediu perdón a todas as vítimas e dixo estar aínda tocado polo "erro máis grande" da súa vida. A defensa rexeitou pedir a libre absolución, pero considerou tamén que non houbo desprezo polo resto de vidas humanas, xa que en canto se decatou de que ía en sentido contrario non seguiu a súa traxectoria.

Entre as testemuñas, declararon varios dos feridos no accidente que xa foron resarcidos economicamente aínda que algún pediu maior contía.

A fiscala pide 5 anos de prisión, preto de sete mil euros de multa e dez anos de retirada de carné. O xuízo quedou visto para sentenza.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar