Formoso cre que a xestión do Goberno sumará votos no 28M
Formoso cre que a xestión do Goberno sumará votos no 28M
O secretario xeral dos socialistas galegos Valentín González Formoso denuncia unha estratexia da Xunta centrada en criticar calquera medida do Executivo de Sánchez
O secretario xeral do PSdeG Valentín González Formoso mira con optimismo a cita electoral do 28 de maio. Nunha entrevista no Galicia por diante, o líder socialista puxo en valor a xestión do Goberno central nesta lexislatura, que cre que sumará votos para a súa formación:
"Se un acredita nas dificultades que tivo o Goberno de España á fronte dunha pandemia que puxo en cuestión todo o que consideramos garantido... esa bandeira que lle pode presentar aos españois tamén llela pode presentar aos galegos e galegas".
O líder socialista loou a política en materia de Vivenda que está a desenvolver o Executivo central e atribúe as críticas da Xunta a unha estratexia de confrontación constante co Goberno cando non é da mesma cor política do PP:
"Estamos a velo permanentemente en todo: durante a pandemia, durante a xestión dos efectos da guerra de Ucraína... Ten moito que ver con esa directriz de confrontar, confrontar, confrontar... Independentemente de que esa confrontación prexudique os galegos e galegas".
O foco do PSdeG está posto na data electoral de maio e Formoso di que non toca falar das eleccións á Xunta, previstas para 2024. Por iso, rexeita falar de se se postulará como candidato do seu partido ou da posible elección para ese posto do actual delegado do Goberno en Galicia e ex secretario xeral do PSdeG José Ramón Gómez Besteiro.