Publicador de contidos
Publicador de contidos

O lixo amoréase na praia de Samil e en Bouzas pola foga do servizo de parques e xardíns

O lixo amoréase na praia de Samil e en Bouzas pola foga do servizo de parques e xardíns

Os empregados da UTE Zonas Verdes de Vigo levan nove días de folga indefinida

G24.gal 23/07/2024 14:36

A imaxe que ofrece a cidade de Vigo tras nove días de folga do servizo de parques e xardíns é lamentable. O lixo esténdese na contorna dos areais e as zonas máis turísticas, e as queixas multiplícanse.

O barrio de Bouzas remata as festas envolto no lixo, e os merendeiros de Samil son pasto das gaivotas e un perigo para a saúde pública. Todo, a poucas semanas do Marisquiño, a gran cita turística do verán de Vigo.

Así espertaba Bouzas o último día das festas máis concorridas da área de Vigo. O lixo amoréase logo de nove días de folga indefinida dos traballadores da concesionaria municipal de Parques e Xardíns.

"Tremendo, porque aquí non se recolle nada, temos que ter moitísimo coidado cos cans porque poden comer calquera cousa, cristais, plásticos. A verdade é que non queremos pasear por aquí, de feito desviámonos", comenta unha veciña.

"Dá noxo o barrio de Bouzas. A xente pode ser incívica por natureza, pero se lles metes os dispositivos para non mexar nas rúas, baños móbiles, colectores para que non reborden as papeleiras, acabamos con isto", salienta outra.

Os empregados da UTE Zonas Verdes de Vigo están concentrados dende hai nove días na praia de Samil nunha folga indefinida para pedir unha suba do IPC en todos os conceptos salariais. O Concello alega que gañan o 30 % máis que o convenio estatal e acúsaos de vandalismo. Os traballadores non se fían dunha oferta de 3.000 euros por traballador que tería que asumir unha nova concesionaria nun futuro incerto. 

Alfredo Filgueiras, presidente do Comité de empresa UTE Zonas Verdes de Vigo, láiase: "Queren que negociemos e firmemos con eles unhas subidas que son unha barbaridade con cargo a outra concesión e a outros anos, ao ano 2027, cando eles rematan no 2026. E nós estamos rexeitando todo iso. Estamos rexeitando unha suba de máis do 350 % de antigüidade".

Concello e traballadores pactaron a semana pasada servizos mínimos para cubrir a limpeza dos barrios durante a folga. Algúns, como Navia, o Calvario e Teis, só terán un xardineiro mentes dure o conflito. Igual que a praia de Samil, unha das máis ateigadas de Galicia, que estes días só conta cun empregado de mantemento. "Teño amigos que van vir e dáme vergoña amosarlles esta praia así", di unha muller que vén de Suíza. 

Mentres non se acade un acordo, o que está en perigo é a saúde de veciños e turistas e a imaxe dunha cidade que acaba de recibir a novena Vasoira de Platino como recoñecemento á cidade máis limpa de España.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade