O lume arrasa o restaurante dun cámping na parroquia de Olveira, en Ribeira
O lume iniciouse de madrugada e deixou o inmoble inutilizable cando estaban a acondicionado para a tempada de verán
O lume deixou só borralla do restaurante do cámping Valverde. Era un edificio de madeira que estaba na parroquia de Olveira, en Ribeira.
Cando os bombeiros de Ribeira chegaron ao lugar, o lume estaba moi avanzado e nada puideron facer por salvar o negocio. Centraron os seus esforzos en evitar que as lapas se estendesen cara ao monte que está na contorna e mais cara aos bungalós que pertencen ao cámping situado no mesmo recinto.
"Chegamos ao punto e xa vimos que se trataba dun incendio moi desenvolvido, moi virulento e con elementos da estrutura, a maior parte de madeira, xa caído , como a viga do tellado e mesmo algunha parede exterior", explica Óscar Casais, sarxento xefe do parque de bombeiros de Ribeira.
Segundo contaron os bombeiros, había partes da estrutura do edificio e do tellado completamente destruídas, e daquela solicitaron axuda ao parque de Boiro.
"Unha extinción moi laboriosa e de moita duración. Ao haber tanta carga de calor, tanto lume, tanta madeira... pois, evidentemente; leva o seu tempo sufocalo completamente", di Casais.
Catro horas tardaron en extinguilo por completo. Durante as tarefas de extinción chegou ao lugar o dono, que estaba visiblemente afectado.
Un equipo volveu para sufocar completamente dous pequenos puntos de lume.
Ao lugar tamén se desprazaron axentes das policías local e nacional de Ribeira e mais unha cuadrilla forestal e un axente, ante o risco de que as lapas chegasen ao monte.
