O mariñeiro ghanés de Marín non ten diñeiro para ir ver a familia
O mariñeiro ghanés de Marín non ten diñeiro para ir ver a familia
Os seus achegados din que nin el nin a súa muller poden permitirse pagar un billete de avión
A muller dun dos ghaneses falecidos tardou en saber do afundimento porque non fala español
Samuel Kwesi intenta recuperarse estes días do terrible drama de sobrevivir a un afundimento tras ver morrer a cinco compañeiros.
O seu estado físico non é bo, pero o súa saúde psicolóxica é aínda máis fráxil.
A súa familia de adopción en Marín di que falaron con el esta mañá pero que el non quere contar nada. Precisa tempo para recuperarse e estao facendo en soidade.
Algúns dos seus achegados aseguran que non ten diñeiro para pagar o billete de avión que lle permitiría ir ver a familia. E que a muller tampouco podería virse con 5 fillos.
Así que esta parella vive o drama por separado, a milleiros de quilómetros de distancia.
Peor aínda é a situación de Rose. É a viúva de Pelungo Zure, un dos mariñeiros ghaneses que faleceron.
Non entende español e por iso tardou tempo en saber do naufraxio. Os seus achegados ocultáronlle a información ata que se confirmou que recuperaran o seu corpo.
Este xoves enterrarano en Miranda de Ebro. O irmán do falecido pide poder abrir o cadaleito para mandarlle unha foto do corpo á familia.