Xenética Fontao producirá en exclusiva para toda España seme sexado de ovino e caprino
Xenética Fontao producirá en exclusiva para toda España seme sexado de ovino e caprino
A empresa lucense emprega a tecnoloxía e a selección xenética para conseguir mellorar a calidade das reses e, polo tanto, incrementar a rendibilidade das explotacións
Galicia está á vangarda en xenética animal. En Lugo está o maior instituto de xenética bovina de España. Dende el saen cada ano milleiros de doses de seme de touro para producións gandeiras de toda Europa, que permiten mellorar os índices de produtividade, calidade e mesmo lonxevidade das vacas.
Na procura da vaca ideal, a través da tecnoloxía e da selección xenética os gandeiros conseguen mellorar a calidade das reses e, polo tanto, incrementar a rendibilidade das explotacións. Poden elixir á carta o que queren para as súas vacas; con máis graxa se se dedican a facer queixo, con descendencia produtiva nas leiteiras ou máis proteica se é para a venda de carne.
Xenética Fontao leva case 30 anos traballando nisto. Se tomamos como exemplo as explotacións leiteiras, neste tempo dobrouse a cantidade de leite que producen.
Jesús Vázquez, xerente de Xenética Fontao, di que a selección e mellora xenética é un traballo continúo. Non só incrementan os quilogramos de leite senón se mellora a porcentaxe de graxa e de proteínas que dan valor engadido ao leite. Tamén se busca mellorar outras características como unha constitución máis robusta ou que vivan máis anos porque todo isto mellora a rendibilidade da res para o gandeiro.
Este instituto de xenética bovina logrou ser un referente a nivel europeo. A conselleira de Medio Rural, que visitou as instalacións, destacou o papel fundamental da empresa na mellora xenética da vaca frisoa de leite en Galicia. Dixo María José Gómez que ás veces os galegos somos modestos de máis pero debemos presumir de que somos un país punteiro do sector lácteo e no sector da xenómica animal.
É o único centro en España que conta, ademais, cun laboratorio de xenética molecular e que vende seme sexado, con altas garantías que conter esparmatozoides que dan femias, esencial para garantir a recría dentro da granxa.