O mercado solidario de Xinzo presenta fórmulas de economía alternativa
O mercado solidario de Xinzo presenta fórmulas de economía alternativa
A sostibilidade social e ambiental é o piar dos proxectos amosados
Buscan o intercambio de experiencias entre produtores e consumidores
A cata de chocolate cultivado de xeito sustentable e comercializado baixo o paraugas do comercio xusto foi un dos actos máis doces e, por tanto, máis concorridos no mercado solidario de Xinzo de Limia.
"O comercio xusto é unha alternativa ao tradicional, que denuncia, reivindica e actúa".
"Fixemos unha cata de catro chocolates. Un xeito de coñecer o comercio xusto de forma doce", explican Lara Barreiro e Alba Fernández, de Solidariedade Internacional.
A diferenza de feiras onde só se trata de vender, aquí o obxectivo é dar a coñecer modelos de éxito baseados en fórmulas económicas moi diferentes das habituais e apartadas da especulación.
"Queremos modelos económicos que poñan no centro as persoas, o planeta e as súas necesidades", asegura Ana R. Lorenzo, da Rede de Economía Alternativa e Solidaria.
Para os produtores que acoden ao mercado tamén é unha oportunidade para dar a coñecer e que o público valore os modelos de produción sustentables no social e no ambiental.
"Nestes eventos non compites porque queres que a todos nos vaia ben cos nosos modelos alternativos", di María Álvarez, de MUUHLLOA.
"Unha forma de negocio cunha perspectiva ampla e non só de gañar cartos", matiza Eva Fernández, de Ecoabella.
A música con participación non podía faltar nun evento pensado para conectar as persoas.